Ir o contido principal

Formación do Profesorado viaxa pola historia da educación en feminino a través dunha mostra

de esquerda a dereita, Santiago López, Montserrat Valcárcel, Francisco Xosé Candia, Lara Mëndez, Carmen Sarceda e alumnas, na apertura da mostra en Formación do Profesorado
de esquerda a dereita, Santiago López, Montserrat Valcárcel, Francisco Xosé Candia, Lara Mëndez, Carmen Sarceda e alumnas, na apertura da mostra en Formación do Profesorado
A exposición elaborada por alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar permanecerá aberta ao público no vestíbulo da facultade luguesa ata o 20 de abril
Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 34 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar recuperan a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.

A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, inaugurada este martes no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 20 de abril de 2021. A viaxe pola historia da educación a través de mulleres que ofrece esta mostra comeza en Safo de Lesbos e Hipatía de Alexandría para logo trasladarse ata os albores do século XIX con Juana de Vega (1805-1872) e rematar nunha figura tan actual como dinámica como é a de Gey Lagar (1974).

A estes exemplos de educadoras que, xa polo seu legado xa polas súas achegas innovadoras, chamaron a atención das futuras mestras e mestres do alumando galego de ensino primario, tamén se suman nesta mostra as contribucións realizadas por outras mulleres senlleiras no eido da historia da educación, tales como poden ser Concepción Arenal, Concepción Sáiz Otero, Elisa Sánchez e Marcela García, María Barbeito, Elvira Bao Maceiras, Antonia de la Torre Martínez, Ángela Ruiz Robles, Enriqueta Otero, Antía Cal, Sabela Díaz Regueiro ou o colectivo de mestras da montaña luguesa, representadas nesta ocasión na figura de Alicia López Pardo.

Bibiana Marful, Jeanne de Lestonnac, Anna de Leonowens, Ellen Key, as irmás Rosa e Carolina Agazzi, Maria Montessori, Nadezhda Krúpskaya, Emma Goldman, Anne Sullivan e Helen Keller, Mary McLeod Bethune, Helen Parkhurst, Drew Gilpin Faust, Christa McAluliffe, Rosa Sensat, María de Maeztu, as educadoras da II República (Josefa Uriz Pi), as fundadoras do colexio estudo (Jimena Menéndez-Pidal, María Mata o Rocío Ramos-Paúl, son outras das mulleres recuperadas para a actualidade na cuarta edición dunha iniciativa didáctica xa consolidada na Facultade de Formación do Profesorado e que vén de ser recoñecida en 2020 terceiro premio á introdución da perspectiva de xénero na docencia da USC.

Alén de poñer en valor o traballo e as contribucións destas mulleres, outro dos cometidos  da mostra é o de facer visible as tantas veces minimizadas, cando non silenciadas, achegas femininas, unha “inxustiza histórica ante a que a Facultade de Formación do Profesorado da USC non pode permanecer indiferente no século XXI”, segundo lembrou o profesor Francisco Xosé Candia Durán, quen adiantou que a mostra permanecerá a disposición de calquera entidade ou colectivo que a solicite a partir de finais de abril.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, inaugurou este martes a cuarta edición exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’, nun acto que congregou no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo á decana do centro, a profesora Carmen Sarceda, o tamén docente responsable da materia Historia da Educación e coordinador da mostra, Francisco Xosé Candia; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o representante do grupo municipal de Ciudadanos, Juan Manuel Vidal-Pardo, así como a algunhas das alumnas que participaron nesta viaxe pola historia do ensino en feminino.

Inauguración da mostra  ‘Educación en feminino: un paseo pola historia', en Formación do Profesorado
Inauguración da mostra ‘Educación en feminino: un paseo pola historia', en Formación do Profesorado
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2021.