Ir o contido principal

Formación e recursos educativos para a inclusión

Doval, Lestegás, Fiuza e persoal especializado da Once observa o material educativo elaborado por alumnado de Formación do Profesorado
Doval, Lestegás, Fiuza e persoal especializado da Once observa o material educativo elaborado por alumnado de Formación do Profesorado
Formación do Profesorado entrega á Once material educativo elaborado polo alumnado da materia ‘Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento’

O decano da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC, Francisco Rodríguez Lestegás; a profesora responsables da materia ‘Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento’, María José Fiuza, e o director da axencia administrativa da Organización Nacional de Cegos de España (Once) en Lugo, Roberto Doval Sánchez, participaron este mércores no acto de entrega á Once do material didáctico e educativo para a inclusión elaborado por estudantado de último curso do grao de Mestre/a de Educación Primaria dentro do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) que se desenvolve no centro universitario en colaboración coa axencia da Once en Lugo.

A sesión serviu tamén para expoñer as maquetas bi e tridimensionais, así como contos táctiles escritos en galego e español utilizando o código Braille, xogos de parellas, calendarios, puzles... Todo material educativo, apto tamén para nenos e nenas con cegueira, discapacidade visual e mesmo xordo cegueira, foi elaborado polo alumnado da Facultade grazas ao asesoramento prestado por persoal especializado da Once.

A elaboración destes recursos educativos e a súa posterior doazón á oficina da Once en Lugo remarca o compromiso da Facultade de Formación do Profesorado da USC coa educación inclusiva, tal e como o corrobora a colaboración que vén mantendo o centro universitario lugués coa Once desde hai xa un lustro e que este ano se materializou no marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo desenvolvido en colaboración coa Organización Nacional de Cegos de España.

A finalidade deste proxecto é trazar unha ponte entre o académico e o social, vinculando os contidos curriculares co servizo á comunidade, sinalou a profesora María José Fiuza, para quen este tipo de actuacións permiten que a aprendizaxe adquira sentido cívico e o servizo convértese nun taller de valores e saberes.

Neste curso realizáronse diversos materiais inclusivos, para compartir nenos cegos, nenos con resto de visión e nenos con visión normal: contos, maquetas para o estudo das ciencias naturais e das ciencias sociais, e ademais quebracabezas, dominós, xogos de tres en raia e de parellas... Estes materiais son distribuídos polos profesores especialistas da Once nos centros educativos da provincia de Lugo nos que hai nenos con déficits visuais ou cegueira, relatou esta docente.

Os proxectos de ApS, engade María José Fiuza, permiten desenvolver as destrezas académicas dun xeito moito máis dinámico que o ensino tradicional, axudan a formar o pensamento crítico e reflexivo, estimulan a sensibilidade cara ás necesidades da comunidade, fortalecen o compromiso social e facilitan a adquisición de actitudes que desenvolven a responsabilidade cívica.

Ademais, engadiu esta docente da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC, este tipo de proxectos cohesionan dun modo moi forte o grupo clase ao traballar en equipo, de forma colaborativa e non competitiva. Para diminuír a fenda existente entre os valores declarados sobre a educación inclusiva e a realidade das aulas requírese reestruturar algunhas concepcións arraigadas nas persoas que constitúen o contexto educativo e entre as que se atopa o profesorado, polo que axuntar nun mesmo proxecto inclusión e Aprendizaxe-Servizo constitúe unha das posibles opcións máis enriquecedoras, dixo.

Alumnado de Formación do Profesorado que tomou parte neste proxecto de Aprendizaxe-Servizo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2017.