Ir o contido principal

A formación teatral sobe o pano nos campus de Santiago e Lugo

Imaxe de arquivo dunha representación teatral da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha representación teatral da USC. FOTO: Santi Alvite
A Área de Cultura impulsa diversas xornadas de presentación da oferta formativa neste eido para o curso 2025-2026, comezando con encontros abertos os días 18 e 22 en Santiago e Lugo, respectivamente.
Lugo, Santiago de Compostela

Os campus de Lugo e Santiago de Compostela xa teñen en marcha a súa oferta formativa en materia de teatro para este curso 2025-2026. No campus lucense, o 22 de setembro, ás 20.00 horas, a Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria acollerá un encontro aberto a toda a comunidade universitaria e público en xeral interesado nas linguaxes teatrais. Neste espazo, darase a coñecer o programa de formación teatral que se vai desenvolver ao longo do curso académico e vanse resolver dúbidas arredor do seu funcionamento.  Pola súa parte, a Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Auditorio da Universidade no Campus Sur) albergará o 18 de setembro, tamén ás 20.00 horas, un encontro aberto a todas as persoas interesadas na actividade teatral, desde a formación ata a produción escénica, tamén para dar a coñecer a oferta teatral e resolver dúbidas das persoas interesadas. 

A matrícula nos talleres de teatro do campus lucense permanece aberta ata o 10 de outubro, mentres que os devanditos obradoiros comezarán a súa actividade o día 8 dese mes. No caso compostelán, os días 22, 23 e 24 de setembro de 2025, dende as 18.00 horas, desenvolveranse as probas de acceso no Campus de Santiago. Durante estes tres días pode acudirse a esta convocatoria onde “o que facemos é realizar unha serie de exercicios e entrevistas para coñecer o perfil das persoas que se presentan e o seu interese específico e así poder suxerirlles os espazos onde mellor poden estar como a compañía de teatro, a escola de teatro e/ou cursos de iniciación na materia”, explican dende a Área de Cultura da USC. Para participar non é preciso ter experiencia previa. Unha vez confirmada a admisión nos diferentes espazos pode formalizarse a matrícula dende o 29 de setembro ata o 5 de outubro no enderezo electrónico area.cultura [at] usc.gal (area[dot]cultura[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2025.