Ir o contido principal

“Formar profesionais en Paisaxe é indispensable para mellorar a conservación e a protección do territorio”, afirma Inés Santé

Inés Santé, na súa intervención na EPS de Enxeñaría co gallo da celebración do II Día Internacional da Paisaxe do Consello de Europa
Inés Santé, na súa intervención na EPS de Enxeñaría co gallo da celebración do II Día Internacional da Paisaxe do Consello de Europa
A directora do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia presentou este martes na EPS de Enxeñaría de Lugo as directrices da estratexia galega da paisaxe

A directora do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira, presentou este martes as directrices da estratexia galega da paisaxe na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC no marco dun acto conmemorativo da celebración do II Día Internacional da Paisaxe do Consello de Europa, unha efeméride que vén de conmemorarse o pasado 20 de outubro.

A profesora e coordinadora do grao en Paisaxe na USC, Isabel Iglesias Díaz, foi a encargada de presentar a Santé Riveira, quen relatou na súa intervención ante estudantes e docentes da EPS de Enxeñaría da USC algunhas das actuacións xa impulsadas polo Instituto de Estudos do Territorio. A directora do IET tamén presentou no campus de Lugo outras accións que pretende impulsar o organismo que dirixe a curto e medio prazo.

Interesada pola defensa e protección das diversas paisaxes existentes en Galicia, Inés Santé abordou na súa intervención algunhas das singularidades que caracterizan o Catálogo de Paisaxes de Galicia, ao tempo que se referiu ao título de grao en Paisaxe que comezou a impartirse este curso na EPS de Enxeñaría de Lugo como “unha formación indispensable para instruír a profesionais que velen pola protección das paisaxes e contribúan a mellorar a conservación do territorio”.

A directora do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia tamén apuntou na súa intervención algunhas das directrices europeas que afectan directamente á conservación da paisaxe, un consideración que merece arredor da décima parte de todo o territorio de Galicia, segundo se desprende o Catálogo de Paisaxes de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2018.