Ir o contido principal

Un foro aborda o estudo da arqueoloxía romana e medieval dende unha perspectiva de xénero

O foro no que participan unha quincena de investigadoras e arqueólogas ten como  propósito principal contribuír á posta en común dos diferentes proxectos de investigación que están a ser desenvolvidos por mulleres neste campo
O foro no que participan unha quincena de investigadoras e arqueólogas ten como  propósito principal contribuír á posta en común dos diferentes proxectos de investigación que están a ser desenvolvidos por mulleres neste campo
O Encontro de Novas Investigadoras que se desenvolve os días 25 e 26 de outubro reúne unha quincena de estudosas que se centran na franxa comprendida entre o período republicano romano e a baixa ldade Media, para poñer en común as súas experiencias, dificultades e retos de futuro
Santiago de Compostela

As estudosas que traballan, dende unha perspectiva arqueolóxica, na franxa comprendida entre o período republicano romano e a baixa ldade Media teñen unha cita os días 25 e 26 de outubro no Encontro de Novas Investigadoras en Arqueoloxía Romana e Medieval que se desenvolve no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). O foro no que participan unha quincena de investigadoras e arqueólogas ten como  propósito principal contribuír á posta en común dos diferentes proxectos de investigación que están a ser desenvolvidos por mulleres neste campo, para compartir as experiencias, dificultades e retos que tiveron que enfrontar nas súas respectivas investigacións. O Encontro conta co apoio do Proxecto ECOLOC ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ da USC, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Nas últimas décadas, a presenza das mulleres na investigación arqueolóxica foi en aumento, sobre todo nas etapas de formación e especialización. Con todo, “o teito de cristal faise máis patente co paso á etapa posdoutoral, onde moitas abandonan a súa carreira motivadas polas poucas posibilidades de estabilizarse dentro da Academia. Este feito aplícase a todas as ramas da arqueoloxía tanto na privada como no sector público vinculado á investigación científica”, explican dende a organización do foro.

Segundo as investigadoras, “o tema que nos ocupa, a cronoloxía que vai dende o Imperio romano ata os séculos da baixa Idade Media, estivo profundamente vinculado ao xénero masculino. De feito se facemos un exercicio de reflexión sobre quen domina a materia, o número de mulleres presentes nesa lista redúcese notablemente debido fundamentalmente á falta de visibilidade”. Dende a organización resaltan que a importancia do encontro reside na variedade de mulleres que participan xa non só nas temáticas e especialidades das participantes (arqueólogas, historiadoras, ou antropólogas, entre outras), senón tamén na heteroxeneidade nos niveis formativos e profesionais. 

“Temos dende estudantes en historia e arqueoloxía, profesionais da arqueoloxía, investigadoras predoutorais e posdoutorais de diferentes universidades nacionais europeas que queren compartir estas xornadas vendo puntos de vista diferentes pero á vez suxeitos ao mesmo: as dificultades que como mulleres temos no ámbito das ciencias, e en concreto na arqueoloxía. O que se busca é iso, participación, cohesión, divulgación e difusión”, subliñan. O foro que bota a andar este mércores 25 a partir das 9.45 horas,  conta co apoio institucional do CISPAC e do Incipit-CSIC, así como de diferentes empresas de arqueoloxía galega como ANTIGA: Arqueoloxía e Patrimonio, CADO Arqueoloxía e Tempos Arqueólogos.  
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2023.