Ir o contido principal

O Foro de Diálogo Local reflexiona sobre xestión enerxética de cidades intelixentes e tendencias de aforro

Xestión enerxética de cidades intelixentes –smartcities- e tendencias en materia de aforro e eficiencia enerxética son dous dos temas a tratar no Foro Diálogo Local ‘Smartcities e enerxía’, promovido polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC en colaboración con Energylab e o Concello de Santiago. A asistencia ao encontro é gratuíta previa inscrición. Esta é unha actividade ligada aos proxectos europeos LIFE-OPERE e PLEEC do programa FP7.

O programa, que se desenvolverá o xoves 26 na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, deseñouse para analizar as estratexias actuais da xestión enerxética de smartcities, presentar diferentes proxectos europeos sobre uso eficiente da enerxía e analizar as tendencias futuras neste eidos. Intervirán institucións e empresas do sector como Faimevi, CTAG, Setga, CO2 Smart Tech, ITG ou ICOIIG, entre outros. O encontro diríxese á comunidade universitaria, investigadores/as e e empresarios/as, así como a persoal técnico do sector enerxético, persoal instalador de sistemas de enerxía e de mantemento e público en xeral interesado.

Programa
A sesión inaugural celebrarase ás 9.00 horas coa presenza do director do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, Daniel Baldomir; do responsable da Área de Innovación do Concello de Santiago, Fernando Suárez; e do responsable da Área de Edificación de EnergyLab, Juan Rodríguez. Deseguido comezará a quenda de intervencións, da man de Iana Vassileva, enxeñeira enerxética e ambiental, para explicar os conceptos de smartcity e de eficiencia enerxética, aproximándose tamén ás particularidades dun campus intelixente. Seguiranlle Bernardo Parajó, director de FAIMEVI, que se referirá ao proceso de planificación orientado á eficiencia enerxética nas cidades e Antonio Mateos, director de Enxeñaría e Desenvolvemento de CTAG, para falar sobre o futuro da mobilidade no ámbito urbano.

A partir das 10.30 horas, Iago Barbeito, do departamento de Desenvolvemento Internacional en SETGA, abordará a iluminación das cidades intelixentes a través da planificación a longo prazo da infraestrutura de alumado público LED e Alberto Méndez, socio director de CO2 Smart Tech, aludirá á innovación aplicada á eficiencia enerxética. Dende ás 11.30 horas será a quenda da rehabilitación de instalacións existentes, tema do que se encargará Gerardo Rodríguez, de EnergyLab, e da presentación do proxecto LIFE-OPERE, de xestión eficiente de redes enerxética na USC, a cargo de José Ángel Taboada, do Departamento de Electrónica e Computación da USC.

Logo da presentación que realizará Fernando Suárez en relación ao proxecto PLEEC, Santiago Rodríguez Charlón, director da Área de Enerxía do ITG, explicará as particularidades da plataforma de software de xestión do Sistema Enerxético do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (proxecto Hospital 2050). A xornada rematará coa celebración dunha mesa redonda sobre aforro e eficiencia enerxética nas cidades, na que participarán algúns dos/as relatores/as da xornada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2015.