Un foro formativo e de reflexión sobre as potencialidades da gandería ecolóxica cita en Veterinaria máis de 60 participantes
Unhas xornadas de análise e reflexión sobre a gandería ecolóxica como alternativa de futuro, organizadas pola USC en colaboración coa consultoría Xestión Agrogandeira e Natureza (Xan Galicia) e a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, reunirán durante esta fin de semana máis de 60 participantes na Facultade de Veterinaria de Lugo, onde se desenvolverán as distintas sesións formativas e seminarios programados, agás a visita guiada a unha explotacións de gandería ecolóxica prevista para o domingo, 19 de outubro.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, inaugurará as xornadas este venres, a partir das 9.30 horas, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria, no transcurso dun acto no que tamén intervirán o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Sonsoles López Izquierdo; o vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e profesor na EPS, Xan Neira, e o responsable de Xan Galicia, Y. Pouliquen. Os organizadores destas xornadas pretenden ofrecer a través deste foro, no que intervirán moi diferentes relatores, una panorámica sobre a situación actual da produción ecolóxica no plano español facendo fincapé na realidade galega e, especialmente, no caso da gandería. Programa das xornadas As xornadas ‘ Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’ dedicarán os relatorios da xornada inaugural a ofrecer unha visión global da gandería ecolóxica en Galicia, España e Europa para logo afondar nos distintos sectores de produción: vacún de leite e de carne, porcino, ovino, caprino, aves... Os controis e os tratamentos alternativos en produción ecolóxica, as técnicas de pastoreo e alimentación e o proceso de selección e mellora dos animais ocupará a segunda xornada de relatorios deste foro, no marco do que tamén se celebrarán dúas mesas redondas sobre o impacto do novo regulamento da USC na gandería ecolóxica e sobre a canalización deste tipo de artigos do produtor ao consumidor final. O último día realizarase unha visita guiada a unha finca de gandería ecolóxica na que poderán participar todas as persoas interesadas.
As posibles repercusións da proposta de regulamento da UE sobre agricultura ecolóxica na gandería ecolóxica centrará tamén o debate dun seminario de reflexión organizado pola Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e que se desenvolverá de xeito parello ás xornadas na tarde do venres. Asemade, técnicos da SEAE e do Craega abordarán na mañá do sábado 18 noutro seminario as potencialidades que presenta a gandería ecolóxica na cornixa cantábrica.