Ir o contido principal

Un foro internacional en Ciencias da Comunicación busca mellorar a visibilidade das cinematografías con linguas minorizadas

‘Cinema de pequenas nacións, alfabetización fílmica e novas audiencias’ desenvólvese este xoves 23 e o venres 24

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC (GEA) organiza este xoves 23 e o venres 24 na Facultade de Ciencias da Comunicación o ‘ Foro Internacional Cinema de Pequenas Nacións, Alfabetización Fílmica e Novas Audiencias’. O encontro forma parte do proxecto ‘eDCINEMA: Cara o Espazo Dixital Europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal’ que financia o Plan Nacional de I+D+i do Ministerio de Economía e Competitividade. O Foro, que se inaugura o xoves ás 16.00 horas na Aula 0 do centro, traerá a debate e porá en relación todas das variables que arredor das pequenas nacións entendidas como espazos comunicativos poidan contribuír a mellorar a visibilidade das cinematografías con linguas minorizadas e fomentar a construción de novas audiencias capaces de valorar e mellorar os niveis de consumo destas producións. A través das achegas de expertos e expertas de varios países, tanto dende o ámbito académico como o profesional, abórdanse as políticas da diversidade, non só como recoñecemento senón como accións concretas que garantan a expresión e difusión das obras cinematográficas. Entre os convidados a participar neste encontro que coordina a profesora Margarita Ledo, figuran investigadores das universidades de Amsterdam, Stirling, Roehampton e South Wales, así como representantes do British Film Institute, do Film Education, o Eye Film Institute e de Europe Cinemas, entre outros. Asistirán ademais investigadores/as procedentes das universidades de Málaga, Murcia, País Vasco, Salamanca, Vigo e da propia USC. Proxeccións O foro inclúe a proxección (no Auditorio da Facultade) de filmes recollidos no ciclo ‘Cinema alén barreiras: políticas da colectividade’ e das obras galardoadas na última edición dos Premios de Alfabetización Audiovisual do ICAA, entre elas producións realizadas por estudantes de varios centros de ensino de Galicia. Así, o xoves ás 19.15 horas proxectarase ‘Read the Masks. Tradition is not given’ dirixida por Petra Bauer e Annette Krauss en 2009; e o venres ás 13.30 horas ‘Subtramas’, de Virginia Villaplana, Diego del Pozo e Montse Romaní (2014) e ás 19:30 ‘Negra blanca’, produción de 2013 obra de Imma Benavente, Helena de Llanos, Miguel A. Rodriguez, Elsa Barreras, Irene Núfar, Ángel Monpeán e Nacho Valero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2014.