O foro ‘Ler o mundo hoxe…’ sobre cidadanía e participación social continúa cunha mesa de experiencias literarias
O Grupo SEPA-interea da Facultade de Ciencias da Educación da USC continúa este mércores 9 co foro de reflexión ‘Ler o mundo hoxe...’ nesta ocasión dedicado a cidadanía e participación social.
Na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) terá lugar ás 16.30 horas unha mesa de experiencias nas que se explicarán fórmulas de éxito como os clubs de lectura nas bibliotecas escolares galegas, o premio literario Arcebispo Juan de San Clemente e o club de lectura universitario @Nas Marxes. Deseguido terá lugar a conferencia ‘Literatura creativa e compromiso social’ a cargo da escritora María Reimóndez, fundadora da ONG Implicadas no Desenvolvemento.
O foro trasladarase o día 16 á Casa da Cultura de Rianxo para desenvolver unha sesión dedicada ao fútbol como dinamizador comunitario. Participarán, entre outros, o adestrador do Obradoiro CAB e o ex futbolista Donato Gama da Silva ‘Donato’.
Fomentar a lectura
O Foro de Reflexión e Debate ‘Ler o mundo hoxe... no diálogo Universidade-Sociedade" conta co apoio do Consello Social da USC e pretende fomentar as prácticas lectoras no seo da comunidade universitaria e na sociedade en xeral. Unha lectura do mundo na que as persoas se sintan pedagóxica e socialmente convocadas a ser partícipes dunha nova mirada ás súas realidades, vencellando o coñecemento á reflexión e á acción educativa e cultural, cívica e científica.
Todas aquelas persoas que desexen participar poderán solicitar certificado de asistencia, previa inscrición.