Ir o contido principal

O foro ‘Novas narrativas na historia da arte contemporánea’ debate no CGCA sobre as perspectivas artísticas actuais

O seminario ‘ Novas narrativas na historia da arte contemporánea’ afonda nas novas perspectivas e metodoloxías no estudio das tendencias actuais da arte. É unha actividade formativa organizada polo grupo de investigación Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo da USC, en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O seminario, dirixido por Agar Ledo Arias e Miguel Anxo Rodríguez, concíbese como un foro de presentación e discusión de novas perspectivas no estudo das tendencias artísticas, no marco do cal os participantes traballarán a partir de catro paneis ou perspectivas temáticas, como o son os estudos de xénero, estudos decoloniais, estudos visuais e estudos sobre prácticas instituíntes.

A catedrática do Departamento de Antropoloxía Social da Universidade do País Vasco Lourdes Méndez abriu este venres a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘Avances, retrocesos, retos: por unha antropoloxía feminista do campo da arte’. Esta intervención deu pé a presentación de varias comunicacións científicas de temática relacionada, tralas que se celebrou unha mesa de debate con persoal investigador, docentes e feministas moderados por Ánxela Caramés.

As prácticas instituíntes capitalizan a temática da sesión de tarde da primeira xornada dun seminario que se prolongará ata o sábado na sede do CGAC. Jesús Carrillo, catedrático do Departamanto de Historia e Teoría da Arte da Universidade Autónoma de Madrid, abre a quenda de intervencións deste panel co relatorio ‘Arquivo e militancia. Contradiscursos e activación da memoria da disidencia’.

Mieke Bal, teórica cultural, crítica, artista de vídeo e comisaria ocasional, estrea na mañá do sábado 25 o panel dedicado á análise cultural e a estudos visuais cunha exposición que leva por título ‘Non sobre a política, por favor! O poder político da temporalidade na arte’. Xa en quenda de tarde, o profesor de idiomas na Universidade de Princeton Germán Labrador Méndez ofrecerá o relatorio ‘Voces que mallan na pedra. (Pos)colonialidade, subalternidade e disciplinas da arte, a partir do estudo dos petroglifos modernos de Pepito Meijón’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2017.