Ir o contido principal

O Foro OcioGune aborda en Compostela o papel da educación e o lecer na transición socioecolóxica urbana

A mobilidade sostible é clave para as cidades do futuro. FOTO: Santi Alvite
A mobilidade sostible é clave para as cidades do futuro. FOTO: Santi Alvite
Este encontro desenvólvese na Facultade de Ciencias da Educación e aborda iniciativas para facer máis sostibles as cidades ante o panorama de emerxencia climática

O papel da educación e do lecer nos espazos urbanos para afrontar a transición socioecolóxica é un dos eixos do Foro Internacional  OcioGune Compostela 2024, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación e que será un espazo para a aprendizaxe, a reflexión e o diálogo arredor de diferentes realidades dos tempos educativos e sociais.

Nesta edición o lema é Tempos, cidades sostibles e emerxencia climática, e o encontro está promovido polos equipos de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, GIAS da Universitat Ramón Llull e PsicoTemps+ da Universitat de Barcelona, tres dos dez que integran a Rede OcioGune de investigación en ocio. 

Entre as actividades programadas destacan os tempos de diálogo Cidades, educación e transición socioecolóxica ante a emerxencia climática, que modera o catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride e Educar nas cidades: lecer e sostibilidade, que modera o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña. O espazo dedicado a experiencias vinculadas a Cidades sostibles e cambio climático será moderado polo profesor da USC Pablo Meira. Así mesmo falará de Sentido do lecer ao longo da vida o catedrático emérito da Universidade de Deusto Manuel Cuenca Cabeza.

Traballo en rede
Na programación tamén se contemplan  espazos de traballo e encontro para as persoas e grupos que conforman a Rede OcioGune, que foi creada no ano 2009 sendo recoñecida como Rede de Excelencia  investigadora e que vincula as súas propostas formativas, científicas e de transferencia de coñecemento á investigación e innovación en educación do ocio, cidadanía inclusiva e desenvolvemento humano, integrando grupos de investigación das Universidades de Barcelona, Burgos, Deusto, A Rioxa, Pablo de Olavide, Santiago de Compostela e a Nacional de Educación a Distancia. A eles engádense tres equipos colaboradores das Universidades da Coruña, Autónoma de Madrid e Ramón Llull.  

A Rede busca conciliar a especialización do persoal docente e investigador e dos seus equipos coa polivalencia e a transversalidade inherentes á investigación e innovación no lecer, a educación inclusiva, os dereitos da cidadanía e o desenvolvemento humano, individual e colectivamente. Desde o ano 2023 a súa presidenta é a profesora Belén Caballo Villar, do equipo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2024.