Ir o contido principal

O foro sobre Tecnoloxía de Alimentos do Global ImasT2016 reclama en Lugo máis conexión entre universidades e empresas

Cotos, Barreiro e Rodríguez-Moldes, na Casa do Saber
Cotos, Barreiro e Rodríguez-Moldes, na Casa do Saber

A conferencia sobre Tecnoloxía de Alimentos celebrada este mércores no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC no marco do IV Global ImasT2016 puxo de manifesto a necesidade de seguir avanzando na superación da brecha existente entre as universidades e o tecido empresarial, a fin de que as institucións académicas poidan actuar como laboratorios de I+D das pemes.

A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC,Isabel Rodríguez-Moldes Rey , o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e José Manuel Cotos Yáñez, adxunto ao reitor da USC para Transferencia, Innovación e Emprendemento, abriron a primeira hora da mañá esta sesión de emprendemento e innovación orientado a mellorar o grao de competencia e a colaboración entre empresas, universidades, inversores e administracións públicas. A quenda de relatorios comezou cunha mesa de debate baixo o título ‘Gobernanza, cultura e talento’, na que interviñeron como relatores a Vicerreitora de Transferencia e Innovación da Universidade de Zaragoza; o director de GCiencia, Eduardo Rolland Etchvers, e Carlos Herrero Latorre, profesor da área de Química Analítica na Facultade de Ciencias da USC. A eiva de formación empresarial que presentan a maioría dos títulos universitarios, a escasa conexión entre o mundo académico e as empresas, a xestión dos fracasos e a importancia da comunicación como elemento que vertebra a a retención, conexión e posta en valor do talento existente, foron algunhas das ideas expostas nesta sesión. O segundo coloquio ‘Mercado, financiamento e coñecemento’ contou como relatores co director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; o director xeral do Igape, Javier Aguilera Navarro, e co responsable de I+D+i da spin off da USC Innolact SL, Sergio Martínez. A problemática asociada a cuestións de financiamento das empresas, a excesiva visión localista das firmas do sector leiteiro, a inexistencia de plans de coordinación entre demanda empresarial e oferta universitaria e as posibilidades de recibir apoio das administracións públicas foron algunhas das consideracións abordadas. Martínez, Barreiro, Aguilera e Antuña, na mesa de debate 'Mercado, financiamento e coñecemento'

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2016.