O foro USC 2013 Proxéctate en galego preséntase o luns na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentará o luns 14 de outubro, ás 11.30 horas na sala de prensa da Vicerreitoría de Coordinación e Planifación, o foro ‘USC 2013 Proxéctate en galego’, unha iniciativa universitaria aberta a toda a cidadanía e a través da que se pretende axudar a descubrir como o galego, ademais dunha lingua viva e dinámica, constitúe tamén unha oportunidade para emprendedores, científicos... A profesora do Departamento de Economía Aplicada e integrante da comisión de normalización lingüística da Escola Politécnica Superior, Mar Pérez Fra, tamén participará na presentación desta segunda edición do foro, promovido polas comisións de normalización lingüística do campus lugués e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro martes 15 de outubro. García Herradón e Pérez Fra explicarán a estrutura e os contidos deste programa a prol do emprego da lingua galega, que se desenvolverá do 18 ao 20 de outubro na Casa do Saber de Lugo e que inclúe unha visita ao museo fortaleza de San Paio de Narla, no concello de Friol.