O foro da USC Proxéctate en galego 2013 mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro martes 15 de outubro
O foro da USC Proxéctate en galego 2013, promovido polas comisións de normalización lingüística do campus de Lugo en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e que se desenvolverá do 18 ao 20 de outubro na Casa do Saber, mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro martes 15 de outubro.
As persoas que estean interesadas en acadar o diploma de asistencia á segunda edición desta actividade, para que tamén está solicitado o recoñecemento dun crédito de competencias transversais para os graos da Universidade de Santiago, poden formalizar a súa matrícula no enderezo web http://www.usc.es/gl/proxectos/proxectate. O custe da inscrición é de cinco euros, un prezo que inclúe ademais da expedición do diploma os gastos de desprazamento á fortaleza de San Paio de Narla, previsto para o domingo 18, para os 60 primeiros matriculados.
Proxéctate en galego 2013 é un foro dirixido aos membros da comunidade universitaria, pero aberto tamén a todas as persoas interesadas en participar dunha iniciativa que pretende descubrir como o galego, ademais dunha lingua viva e dinámica, non supón ningunha barreira no mundo académico nin profesional. O galego constitúe unha oportunidade para emprendedores e científicos, ademais dunha ferramenta para comunicarse, salienta a coordinadora do programa, a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC Marta López Alonso.