Ir o contido principal

Un foro sobre a xestión de áreas forestais queimadas cita este luns na EPSE a investigadores da USC e técnicos da Xunta

Cartaz da xornada sobre xestión de áreas forestais queimadas
Cartaz da xornada sobre xestión de áreas forestais queimadas
A sesión, que contará coa participación de sete relatores, desenvolverase a partir das 18.00 horas na sala de xuntas do centro universitario lugués

Un foro de análise e debate sobre a xestión de áreas forestais queimadas citará este luns 20 de novembro Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC a investigadores da USC especializados en temática forestal e técnicos da Xunta de Galicia.

A xornada, que está coordinada pola profesora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Ana Daría Ruiz González, comezará ás 18.00 horas, na sala de xuntas do centro universitario lugués, onde ata sete relatores abordarán diversas cuestión a ter en conta á hora de planificar unha óptima xestión de áreas forestais asoladas polas lapas.

O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola e coordinador do proxecto de aprendizaxe e servizo (ApS) da USC, Agustín Merino García, abrirá quenda de relatorios cunha intervención sobre os tratamentos de conservación dos solos. De seguido, Stéfano Arellano, tamén do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, afondará sobre a determinación de zonas prioritarias de actuación despois dos lunes.

A rexeneración da vexetación de áres afectadas polas lapas centrará a temática da exposición da profesora do Departamento de Botánica da Elvira Díaz Vizcaíno, trala que a tamén docente do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na EPSE Pilar González Hernández falará sobre medidas de restauración da cuberta vexetal. A quenda de relatorios a cargo de profesores e investigadores da USC rematará coa intervención de Ramón Alberto Díaz Varela, profesor do Departamento de Botánica da USC, quen afondará sobre aspectos relativos á restauración de hábitats e especies de interese para a conservación da biodiversidade.

A presentación do programa de actuación da Xunta de Galicia, a cargo do subdirector Xeral do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, Miguel Cela González, servirá de colofón deste foro de debate, unha sesión de aberta á participación e todo o público interesado. O alumnado universitario que participe nesta actividade recibirá un diploma de asistencia. Ademais, aqueles estudantes que participen nunha actividade de formación no campo sobre incendios forestais poderán solicitar o recoñecemento dun crédito académico como voluntarios/as do programa de innovación docente ‘Plantando cara ó lume’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2017.