Ir o contido principal

Como fortalecer a saúde a través da meditación e a relaxación

A Fundación USC Deportiva e a spin-off Xuntos organizarán ao longo de 12 sesións un obradoiro que presenta as técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde. A actividade terá unha frecuencia semanal e desenvolveranse para un grupo de entre 8 e 15 participantes. Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a mediatación, como a redución significativa do estres, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares ou sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas. O calendario desta acción desenvolverase os días 20 e 27 de novembro; 4, 11 e 18 de decembro; 8, 15, 22 e 29 de xaneiro; e 5, 12 e 19 de febreiro, no Colexio Maior Rodríguez Cadarso en horario de 17.00 a 18.00 horas. As sesións impartiranas Elisabeth Hermida García, de Xuntos, e Amancio Rial Bouza, da Fundación USC Deportiva. Esta é unha iniciativa que se enmarca nun proceso de colaboración iniciado por ambas as dúas entidades e que dá continuidade á liña formativa que desenvolve a Fundación dende comezos de 2013. Pola súa banda, Xuntos, Atención Psicológica y Psiquiátrica, é unha empresa participada pola USC dedicada a prestar servizos integrais no ámbito do benestar e a saúde mental baseados en resultados derivados da investigación. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web da Fundación USC Deportiva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2013.