Ir o contido principal

Fortes contrastes de temperatura na contorna de Santiago

Perfíl térmico entre Os Anxeles (Brión) e o aeroporto de Lavacolla, entre as 08:00 e as 08:30 h do día 20 de xaneiro de 2017. Autor: Alberto Martí Ezpeleta
Perfíl térmico entre Os Anxeles (Brión) e o aeroporto de Lavacolla, entre as 08:00 e as 08:30 h do día 20 de xaneiro de 2017. Autor: Alberto Martí Ezpeleta
Sete graos de diferenza nas noites e madrugadas entre o centro urbano e Lavacolla ou A Mahía

Existen preto de sete graos de diferenza entre o punto máis cálido da cidade –o centro urbano– e os máis fríos –Lavacolla e A Mahía-Bertamiráns–, un contraste de temperatura normal e habitual en todo o interior de Galicia nas noites e madrugadas con situacións atmosféricas de estabilidade, como as que teñen lugar cando estamos baixo o radio de acción dun anticiclón, e moi especialmente en inverno, comezos de primavera e finas do outono.

O perfil térmico de Compostela realizouno hai uns días o profesor de Xeografía da USC Alberto Martí cos rexistros de temperatura tomados por un termóhigrómetro dixital tipo Hanna o 20 de xaneiro –con situación anticiclónica e baixo a influencia dunha masa de aire moi frío de orixe siberiana– entre as 8.00 e as 8.30 horas en vehículo dende Os Anxeles (Brión) ata o aeroporto, e seguindo a metodoloxía habitual en investigacións sobre climas locais, microclimas e climas urbanos.

A temperatura é un elemento climático moi sensible e variable en función de diversos factores locais, entre eles as características topográficas e os usos do solo, “algo que se aprecia perfectamente nos 25 quilómetros estudados, e sobre todo no tramo urbano, onde os cambios de usos do solo e a influencia da cidade constitúen o factor condicionante”, explica o investigador.

Factores responsables
Martí identificou tres factores climáticos responsables deses fortes contrastes térmicos nas noites e madrugadas compostelás. Por unha banda, as inversións térmicas que teñen lugar nos fondos de vales, depresións e valgadas do interior de Galicia, cando o aire frío, máis denso, esvara polas ladeiras durante a noite e se acumula nos fondos facendo que as temperaturas sexan máis baixas nas zonas máis deprimidas e aumenten coa altitude. O fondo do val do río Sar ao seu paso por A Mahía, Bertamiráns ou Santiago, o do río Sarela ou o do río Sionlla en Lavacolla son algúns dos lugares que padecen este tipo de fenómenos con relativa frecuencia, o que provoca temperaturas mínimas máis baixas, así como un maior número de xeadas e de máis intensidade que en zonas próximas e máis elevadas. Este é, para Martí, un aspecto a ter en conta “para o deseño de vivendas, estimación de necesidades de calefacción ou elección de plantas e cultivos menos sensibles ás xeadas”.

Pola contra, a faixa térmica correspóndese con aqueles lugares das ladeiras que presentan uns valores térmicos máis suaves e menos fríos, como sería o emprazamento de Aldea Nova, “un lugar privilexiado desde o punto de vista térmico, con temperaturas mínimas por riba das que se rexistran nas proximidades”. Este fenómeno sucede como consecuencia do anterior, xa que nas noites anticiclónicas o aire frío escapa dos tramos medio-altos das ladeiras.

Finalmente, a illa de calor urbana pode recoñecerse facilmente no pico tan acusado que coincide co centro da cidade, en torno á Praza de Galicia, con temperaturas que alcanzaban os 2º e 3º C cando a periferia rexistraba datos por baixo dos 0º C. Isto débese á suma dunha serie de factores como a maior capacidade de acumular calor dos materiais urbanos, a complexa xeometría urbana que dificulta a perda de temperatura ou os focos antrópicos de calor coma o tráfico, a iluminación ou as calefaccións.

Validez dos perfís térmicos
A elaboración de perfís térmicos faise necesaria para determinar a complexidade das zonas xeográficas. “Os valores de temperatura que rexistran en moitas ocasións as estacións meteorolóxicas, sobre todo durante as noites e madrugadas, poden diferir enormemente das temperaturas que experimentan os habitantes da contorna próxima, a poucos quilómetros, en función das características topográficas do terreo ou da zona urbana na que vivan”, explica Martí.

E pon como exemplo a estación de Santiago EOAS, situada nun emprazamento relativamente elevado do campus universitario, que rexistraba estes días de frío unhas temperaturas mínimas “ bastante máis elevadas que a de moitos lugares dos arredores entorno da cidade e bastante más baixas que as dos sectores centrais”.

Formación dunha inversión térmica Liña límite da inversión térmica

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2017.