FORTLS, unha nova aplicación tecnolóxica da USC a disposición do sector forestal
Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Matemáticas da USC desenvolven un software capaz de converter o escáner láser terrestre (TLS) nunha ferramenta operativa para o seu uso en inventarios forestais. A aplicación FORTLS, en cuxo deseño tamén colaborou persoal da UdC e do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria (CSIC-INIA) constitúe unha nova prestación tecnolóxica acaída para avanzar na mellora da xestión forestal en la elaboración de inventarios.
A aparición do paquete FORTLS supón un novo paso para a estimación e monitorización dos sistemas forestais, unha disciplina que está a experimentar numerosos avances tecnolóxicos, especialmente relacionados coas tecnoloxías de teledetección. De feito, no caso particular do escáner láser terrestre (TLS), as altas capacidades que presenta para representar superficies de obxectos situados na súa contorna próxima de forma rápida, automática e cunha resolución milimétrica, sitúano como un dos dispositivos con maior potencial para o seu uso en inventario forestal. Aínda así, subliñan os investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, o TLS non está consolidado como unha ferramenta operativa para este fin debido á falta de algoritmos para a obtención de variables relacionadas co estado dos bosques e ás dificultades atopadas na automatización do procesado de datos.
O paquete FORTLS nace co obxectivo de eliminar estes hándicaps, xa que presenta como principal funcionalidade a automatización do procesado dos datos TLS para o seu uso en inventario forestal, e permite tamén a estimación das principais variables forestais empregadas na xestión forestal. A rapidez coa que o TLS realiza as medicións e a dispoñibilidade deste paquete para o seu posterior tratamento e análise, permitirán reducir os tempos de toma de datos e procesado, así como aumentar o tamaño de mostra sen incrementar de forma proporcional os custos asociados. Estas características confírenlle ao paquete FORTLS un alto potencial para ser empregado en inventarios forestais.
Ademais, de cara a facilitar a súa transferencia ao sector forestal, FORTLS foi desenvolvido como un paquete de R, que é un software estatístico libre, gratuíto e accesible para calquera usuario interesado nesta ferramenta (xestores forestais, industria madeireira, empresas TIC forestais, administracións públicas, universidades e centros de investigación,...). De feito, a última versión estable do paquete está dispoñible en liña, do mesmo xeito que a versión en desenvolvemento máis actualizada.