Ir o contido principal

A fotógrafa Anna Turbau mostra en Fonseca a Galicia que retratou a finais dos 70

De esquerda a dereita, na rolda de prensa, Ramón Villares, Dolores Álvarez, Anna Turbau e Margarita Ledo
De esquerda a dereita, na rolda de prensa, Ramón Villares, Dolores Álvarez, Anna Turbau e Margarita Ledo

O Colexio de Fonseca acubillará ata o vindeiro 10 de decembro a mostra ‘A intimidade da imaxe’, unha produción do Consello da Cultura Galega coa que colabora a Universidade de Santiago. Trátase dunha escolma de fotografías que Anna Turbau (Barcelona, 1949) realizou en Galicia entre 1975 e 1979.

Comisariada pola profesora da USC Margarita Ledo, a mostra revisa a Galicia da transición a través dun cento de fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949) para exhibir nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos da época, moitas delas documentos que nunca viron a luz, como explicou a comisaria en rolda de prensa.

A exposición artéllase en nove bloques temáticos: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior. “Foi a miña maneira de ver as cousas, a miña busca persoal e profesional, e agora así, nesta exposición, paréceme devolver algo que é dos galegos e galegas”, asegurou Anna Turbau.

‘A intimidade da imaxe’ contén un epílogo formado por sete imaxes dunha exposición que a Universidade de Santiago fixo en 1993 baixo o título ‘Santiago, pequena historia natural’ e que hoxe forma parte do fondo fotográfico do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Este apéndice está concibido tamén como unha homenaxe a Tino Martínez, autor dos positivados, e á fotografía analóxica. A mostra complétase cun espazo de documentación que permite coñecer como se publicou o material que Anna Turbau realizou durante a súa estadía en Galicia.

Anna Turbau e Galicia
Anna Turbau chegou a Galicia en 1975 para retratar unha serie de vivendas para familias xitanas construídas en Poio por César Portela e Pascuala Campos. Ao pouco decidiu instalarse en Santiago e, como colaboradora independente de Interviu e Primera Plana, retratou os movementos populares que emerxían con forza en Galicia. Durante a súa estadía en Galicia, que se estende ata 1979, Turbau fixo preto de dez mil fotografías, un arquivo que cedeu ao Consello da Cultura Galega. Desa cesión sae esta exposición e unha publicación homónima editada por Natalia Poncela que verá a luz o vindeiro mes de novembro.

Anna Turbau
Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e onde descobre unha cidade marxinal e oculta. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a regresar en 1979 a Barcelona, onde comeza a traballar na revista Actual e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.

Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).

‘A intimidade da imaxe’ pode visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2017.