Ir o contido principal

Frances Allen, única muller Premio Turing, reuniuse con investigadoras galegas na USC

Investigadoras asistentes á xuntanza con Allen
Investigadoras asistentes á xuntanza con Allen
A gañadora en 2006 do equivalente ao Nobel das Ciencias da Computación participou esta semana no Programa ConCiencia

A científica Frances Elizabeth Allen, que se atopa estes días en Santiago para participar no Programa ConCiencia organizado pola USC en colaboración co Consorcio e co apoio da Fundación Caixa Galicia, mantivo este venres un encontro con mulleres investigadoras galegas. Allen tense distinguido polo seu traballo a prol do acceso da muller á ciencia, especialmente nos eidos da enxeñaría e a computación onde a súa presenza segue a ser minoritaria.
A reunión, organizada no marco das actividades da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC coa participación de, entre outras, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso; e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán.
A visita da que en 2006 gañou o Premio Turing -considerado o Nobel no eido das Ciencias da Computación- comezou este mércores cunha xuntanza con investigadores de diversos Departamentos das Universidades de Santiago e A Coruña para intercambiar experiencias e ofrecerlle consellos que lles orienten na súa carreira científica. Xa na tarde do xoves 30 ofreceu a conferencia ‘Unha peregrinación polas altas sendas da computación’ no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia.
Frances Elizabeth AllenFrances Elizabeth Allen (EE.UU, 1932) foi merecedora do Premio Turing “polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento”. O Premio, que leva o nome do matemático británico pai teórico da ciencia computacional e a intelixencia artificial, é outorgado dende mediados dos anos 60 a aquelas persoas que, nomeadamente, “fagan contribucións que perduren no tempo e sexan de natureza técnica vital para a comunidade das ciencias da computación”. Nas súas máis de corenta edicións só foi concedido a unha muller, Frances Elizabeth Allen.
Dende o prestixioso IBM Thomas Watson Research Center, Allen puxo as bases teóricas e prácticas das técnicas de optimización automática en compiladores (a parte do computador encargada de traducir as instrucións dun programa a códigos entendibles polas máquinas) e a extracción automática de paralelismo (realización dunha tarefa repartida en procesos feitos ao mesmo tempo). Ademais, definiu unha serie de técnicas que se seguen utilizando nos compiladores actuais e que contribuíron a aumentar a súa eficiencia.
Programa ConcienciaDifundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que intercambiar coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito internacional, é o obxectivo do Programa ConCiencia que dende 2006 trouxo á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, todos eles Premios Nobel ou equivalentes nas súas respectivas disciplinas.
Xunto a Allen, completarán o Programa ConCiencia 2008 os premios Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, e de Física en 1999, Gerardus ‘t Hooft, que impartirán ao longo deste último trimestre do ano cadansúa conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores. Esta nova edición xa comezou antes do verán coa visita do Nobel de Medicina en 1989, Harold Varmus, o pasado mes de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2008.