Ir o contido principal

Frances Elizabeth Allen, premio Turing 2006, primeira muller que se suma ao programa ConCiencia

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Elizabeth Allen, ‘t Hooft, Barry Sharpless e Harold Varmus
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Elizabeth Allen, ‘t Hooft, Barry Sharpless e Harold Varmus
A terceira edición traerá tamén a Santiago aos Nobel Karl Barry Sharpless e Gerardus 't Hooft

Frances Elizabeth Allen, premio Turing 2006, será a primeira muller que se incorpore á galería de personalidades que teñen pasado por Compostela ao abeiro do programa ConCiencia, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia. A relación de visitantes desta terceira edición de ConCiencia fíxose público este martes nunha rolda de prensa na que interviñeron o reitor da USC, Senén Barro; o presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo; o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; e o director do programa, o profesor da USC Jorge Mira.
Xunto a Allen, completarán o ConCiencia 2008 os premios Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, e de Física en 1999, Gerardus ‘t Hooft, que impartirán ao longo deste último trimestre do ano cadansúa conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores. Jorge Mira explicou que esta nova edición xa comezara coa visita do Nobel de Medicina en 1989, Harold Varmus, o pasado mes de maio.
Difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que intercambiar coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito internacional, é o obxectivo do Programa ConCiencia que dende 2006 trouxo á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, todos eles Premios Nobel ou equivalentes nas súas respectivas disciplinas.
Frances Elizabeth AllenFrances Elizabeth Allen (EE.UU, 1932) foi merecedora en 2006 do Premio Turing, considerado o Nobel no eido das Ciencias da Computación, “polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento”.
O premio creouse a mediados dos anos 60 e en máis de 40 edicións só foi concedido a unha muller, Frances Elizabeth Allen. Dende o prestixioso IBM Thomas Watson Research Center, Allen puxo as bases teóricas e prácticas das técnicas de optimización automática en compiladores (a parte do computador encargada de traducir as instrucións dun programa a códigos entendibles polas máquinas) e a extracción automática de paralelismo (realización dunha tarefa repartida en procesos feitos ao mesmo tempo). Ademais, definiu unha serie de técnicas que se seguen utilizando nos compiladores actuais e que contribuíron a aumentar a súa eficiencia.
Á marxe dos seus éxitos científicos tense distinguido polo seu traballo a prol do acceso da muller á ciencia, especialmente en enxeñaría e computación, onde a súa presenza segue a ser minoritaria.
Karl Barry SharplessPremio Nobel de Química en 2001 “polo seu traballo en reaccións de oxidación quiralmente catalizadas”, Karl Barry Sharpless (EE.UU, 1941) foi pioneiro no desenvolvemento de métodos de ‘catálise asimétrica’, claves para o desenvolvemento de procesos de preparación industrial de fármacos, perfumes ou outros produtos, de xeito eficiente e menos contaminante.
Moitos produtos de interese farmacéutico ou tecnolóxico existen en dúas formas especulares, da mesma maneira que as nosas mans (esquerda e dereita). En moitos casos, cada unha de esas formas ten propiedades diferentes, polo que preparalas de xeito independente resulta moi complicado. Sharpless foi pioneiro no desenvolvemento de metodoloxía eficiente baseada en catálise para poder acceder a só unha das formas especulares.
Gerardus ‘t HooftGerardus ‘t Hooft (Países Baixos, 1946), que de pequeno lle dixo a un profesor que quería ser “unha persoa que o soubese todo”, é considerado sen lugar a dúbida un dos físicos teóricos máis brillantes das últimas décadas.
Recibiu o premio Nobel de Física en 1999 por esclarecer a estrutura cuántica da interacción electrodébil, unha das catro interaccións fundamentais da natureza e responsable de gran cantidade de procesos radiactivos que, por exemplo, manteñen en funcionamento os ciclos do Sol. A última peza clave desta teoría, o chamado bosón de Higgs podería ser descuberto no gran colisionador de hadróns do CERN. A enorme contribución de 't Hooft consistiu en crear un formalismo que permite comprender con gran rigor e precisión os procesos nos que intervén esta interacción.
Os traballos de 't Hooft tamén permitiron, por exemplo, tratar problemas relacionados coa interacción forte, como o confinamento dos quarks, que son partículas que constitúen os protóns e neutróns e, por tanto, son algúns dos ladrillos básicos dos que está formada toda a materia. 't Hooft investigou case todos os grandes enigmas formulados no eido das partículas elementais, contribuíndo a resolver moitos deles, e segue a traballar activamente en posibles respostas para as cuestións que aínda esperan unha resposta.
Edicións previasNas pasadas dúas edicións participaron en ConCiencia os Premios Nobel de Física en 1986, Heinrich Rohrer; de Medicina e Fisioloxía en 1981, Torsten N. Wiesel; de Química en 1991, Richard R. Ernst; de Física en 2004, Frank Wilczek; de Economía en 1994, John Nash; o de Medicina en 1989, Harold Varmus; así como o Premio Abel en 2005, Peter Lax, e Michael F. Atiyah, merecedor da Medalla Fields.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.08.2021.