Francisco Durán reivindica os estudos humanísticos e sociais na súa toma de posesión como decano de Xeografía e Historia
O profesor Francisco Durán Villa tomou oficialmente posesión do seu cargo de decano da Facultade de Xeografía e Historia nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Viaño en San Xerome. No acto reivindicou o carácter humanístico e social do seu centro, “nun tempo no que a primacía dos criterios de rendibilidade leva aparellada unha crecente desvalorización dos nosos estudos”. Cambiar isto, asegurou, “require crer no valor da educación”.
“Unha facultade como a nosa –dixo- ten que empeñarse en formar homes e mulleres para os demais, persoas competentes, concienciadas, solidarias, sensibles co patrimonio cultural e cultural, comprometidas coa diversidade, capaces de ser axentes de transformación social ao servizo da xustiza e da paz”.
A Facultade de Xeografía e Historia alberga os graos de Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do territorio, este último único no Sistema Universitario de Galicia. Ademais, imparte 5 másters de especialización e 3 interuniversitarios, e tres programas de doutoramento. No centro existen 20 grupos de investigación e publícanse catro revistas científicas de impacto internacional.
O novo decano, que substitúe no cargo ao profesor Juan Monterroso, puxo tamén énfase na necesidade de continuar solucionando o problema de recursos humanos no ámbito docente, á vez que impulsar -“e repensar para adaptalo ás novas necesidades”- co Consorcio de Santiago a redacción do Plan Director do edificio, catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago como de nivel 1. A este respecto, o reitor mostrou a súa disposición para dotar o centro “dunhas instalacións á altura dunha universidade moderna, sen alterar os seus elementos distintivos, que son sinais de identidade do centro e da Universidade”.
Durán Villa é docente da Área de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Xeografía. As súas principais liñas de investigación son a emigración, a demografía, a xeografía humana e os procesos asociados ao empobrecemento. Ademais desenvolveu diversos cargos de xestión como a dirección e a secretaría do Departamento de Xeografía ou a secretaría da propia Facultade. Foi tamén vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación continua da USC.
Completan o equipo decanal para os vindeiros catro anos Begoña Fernández Rodríguez como vicedecana de Asuntos Académicos; Margarita Barral Martínez á fronte do vicedecanato de Asuntos Económicos; e Fernando Pérez Rodríguez como secretario.