Ir o contido principal

A función dos premios literarios na literatura xuvenil, a debate nun seminario internacional organizado pola USC

Expertos da Península e da outra beira do Atlántico danse cita en Santiago os días 5 e 6 de setembro para falar sobre as correntes e tendencias actuais deste ámbito literario

O grupo de investigación LITER21 - Literatura Infantil e Xuvenil, do Departamento de Filoloxía Galega da USC, é un dos organizadores do seminario/workshop que os días 5 e 6 analizará en Santiago a función dos premios literarios no ámbito da literatura xuvenil. Ademais deste grupo, coordinado pola catedrática Blanca-Ana Roig, participan na organización do encontro a rede temática de investigación 'Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano' (LIJMI) da USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP). A actividade comeza o mércores 5 no CIRP, onde se celebrará unha reunión dos grupos que conforman a Rede LIJMI da USC. A continuación (de 18.00 a 20.00 horas) terá lugar un ciclo de relatorios sobre a literatura xuvenil nos ámbitos castelán (incluída tamén Iberoamérica), catalán, galego, portugués (incluído Brasil) e vasco, a cargo de expertos en literatura xuvenil de cada unha destas linguas. O xoves 6 o programa reanúdase cunha rolda de intervencións sobre as correntes e tendencias actuais da literatura xuvenil nos diferentes idiomas peninsulares, a continuación da cal María Jesús Agra (USC), Carmen Franco (USC) e José Marús Mesías (Universidade da Coruña) achegarán as súas respectivas visións sobre a relación entre lectura artística e literatura xuvenil. A sesión de mañá esta xornada rematará cun debate a partir dos relatorios presentados. Xa pola tarde, a Bilbioteca Novacaixagalicia de Santiago de Compostela (Frei Rosendo Salvado, 14-16) acollerá a partir das 16.00 horas unha sesión pública na que se abordarán as principais cuestións de interese e actualidade na literatura xuvenil das diferentes áreas xeográficas e lingüísticas representadas no seminario: castelán en España (Jesús Sebastián Díaz, da Universidade de La Laguna), castelán en Uruguai e México (Liliana Dorado, do Hope College de EE.UU), Países Cataláns (Caterina Valriu Llinàs, da Universitat de les Illes Balears), Galicia (Blanca-Ana Roig Rechou, da USC), Brasil (Karina de Oliveira, da UE de Maringá), Portugal (Sara Reis da Silva, da Universidade do Minho) e País Vasco (Xabier Etxaniz, da UPV). Ademais das institucións organizadoras, outras entidades como o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE), a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e a súa sección a Asociación galego-portuguesa de Investigación en literatura Infantil e J/Xuvenil (ELOS) colaboran no seu desenvolvemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2012.