Ir o contido principal

A Fundación CEER presentou na USC a banda deseñada 'Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas'

Carlos Ferrás, Senén Barro e Jaime Gómez, nun momento da presentación de 'Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas?'
Carlos Ferrás, Senén Barro e Jaime Gómez, nun momento da presentación de 'Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas?'

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) súmase aos actos da Semana da Ciencia coa presentación da obra Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas?, banda deseñada que se pode descargar de balde dende a web da fundación e da que é ilustradora e guionista Idoia de Luxán. Esta é unha iniciativa coa que se pretende contribuír á difusión da investigación do evolucionismo, conmemorado o ano Darwin.
A presentación en Santiago contou coa participación do reitor Senén Barro o nun acto celebrado na Salón de Actos da Facultade de Bioloxía ao que tamén asistiron o decano deste centro compostelán, Jaime Gómez Márquez, e o director do CEER, Carlos Ferras.
De inmediato, celebrouse un debate no que os participantes tentaron responder á pregunta ‘É posible innovar na divulgación da ciencia?’. Participaron Francisco G. Quiroga, project manager da Fundación CEER, Xurxo Mariño, membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, e Elias Torres, profesor de Filoloxía Galega.
Estas mesmas xornadas de presentación repetiranse ao longo da semana no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) o mércores 18 e na Reitoría da Universidade da Coruña o venres 20, esta última sesión reservada aos medios de comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2009.