A Fundación CEER toma en santiago decisións estratéxicas para a eurorexión universitaria Galiza-Norte de Portugal

Altos cargos representantes das seis universidades publicas de Galicia e o norte de Portugal, a Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal reuníronse en San Xerome nunha xuntanza do Consello de Dirección da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), que estivo presidida polo vicerreitor da Universidade de Minho, Leandro da Silva Almeida.
Na definición das liñas estratéxicas para o impulso do CEER, un dos acordos máis salientables foi o de levar a cabo as medidas precisas para o seu desenvolvemento, que incluirían a creación dunha ‘Emprenderrexión’, co obxecto de impulsar estratexias conxuntas referidas á transferencia de tecnoloxía e resultados de investigación; a conformación dunha Eurorexión do Coñecemento para a formación de redes de investigadores de excelencia de cara á organización dun programa Sócrates; e a promoción dunha imaxe de marca co fin de posicionar a Eurorrexión como un espazo de vangarda en I+D+I en Bruxelas.
Na xuntanza elixiuse ademais ao novo presidente do Consello de Dirección para os vindeiros dous anos, que será o profesor da Universidade de Vigo José Manuel García Vázquez, mentres que o cargo de vicepresidente o ocupará o pro-reitor da Universidade de Porto, Manuel Antonio Araújo da Silva Janeira. Ademais, este consello continuará traballando nas actividades preparatorias da reunión do seu Padroado que terá lugar o vindeiro día 23 de maio e que contará co reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, como anfitrión.
Participaron na reunión o prorreitor da Universidade de Porto, Manuel Antonio Araújo da Silva Janeira; os vicerreitorres da USC, Lorenzo Fenández Prieto, da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar, e da Universidade de Porto, Eduardo Augusto dos Santos Rosa. Representando á Universidade de Vigo acudiu á reunión o profesor José Manuel García Vázquez, mentres que por parte da Consellaría de Educación asistiu o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, Rogelio Conde-Pumpido Tourón, ademais do director e secretario xeral do CEER, Carlos Ferrás Sexto e Manuel Sopas de Melo Bandeira, respectivamente.