A Fundación Dieta Atlántica e a Asociación Lume Atlántico asinan un convenio para a promoción e investigación desta alternativa culinaria
A Fundación Dieta Atlántica da USC e a Asociación Lume Atlántico acaban de asinar un acordo de colaboración para a promoción e difusión da Dieta Atlántica no ámbito da restauración. O convenio, que durará até decembro do 2021, foi asinado este luns polo reitor Antonio López, en calidade de presidente do Padroado da Fundación; e polo presidente da Asociación Lume Atlántico, David Vilariño.
Ambas as dúas entidades comprometidas coa defensa, difusión e promoción dos valores propios da dieta e estilo de vida atlánticos nos seus diferentes ámbitos de actuación, traballarán xuntos en accións específicas tales como a incorporación dos pratos propios da Dieta Atlántica á oferta gastronómica dos establecementos de restauración e hostaleiros da Asociación Lume Atlántico.
A elaboración de libros de cociña e receitarios con aval científico da Fundación Dieta Atlántica, o estudo e deseño de traballos de investigación e desenvolvemento que teñan como denominador común a Dieta Atlántica, o impulso de xornadas de difusión a diversos colectivos e medios de comunicación dos resultados obtidos nos traballos de investigación e desenvolvemento, así como o impulso de showcooking relacionadas cos traballos de investigación realizados e xornadas de degustación en colaboración coa industria agroalimentaria a través de clústers ou outras entidades, conforman outras das iniciativas contempladas no acordo.
A Fundación Dieta Atlántica ten por obxecto fomentar o estudo, a investigación e a difusión desta alternativa culinaria para a saúde e o benestar da poboación. Presidida polo reitor da USC, está composta dun padroado formado por dez membros, ocupando a vicepresidencia o endocrinólogo, médico e científico Felipe F. Casanueva, profesor da USC e facultativo do CHUS. A vocal do Padroado Rosaura Leis tamén tomou parte no acto de sinatura.
Foto de familia trala sinatura do convenio. Foto: Santi Alvite