Ir o contido principal

A Fundación Dieta Atlántica da USC promove un curso de verán que estuda os beneficios desta alternativa gastronómica

Baixo o título ‘Dieta Atlántica: nutrición e gastronomía. Beneficios para a saúde, benestar e lonxevidade’, a Fundación Dieta Atlántica da USC desenvolve a vindeira semana un curso de verán que conta coa colaboración da industria alimentaria, a restauración e a enoloxía. O luns 12, ás 9.30 horas na Facultade de Medicina, o reitor Juan Casares, o catedrático da USC e responsable do curso Rafael Tojo Sierra e o decano da Facultade, Juan Jesús Gestal, inaugurarán as sesións que ata o día 16 xirarán en torno a catro eixos: historia, beneficios da dieta, investigación e gastronomía. Logo da apertura comezarán as intervencións de expertos relacionadas coa historia da dieta atlántica, con especial referencia ao arco atlántico español, e cos beneficios desta alternativa alimentaria para a saúde, o benestar e a lonxevidade, temáticas que se analizarán ata o día 14 pola tarde, na que se tratarán os avances na investigación básica e aplicada. O papel da industria da alimentación, os balnearios e a gastronomía na investigación, o desenvolvemento e a promoción de alimentos de calidade e nos seus beneficios para a saúde e calidade de vida é o tema da xornada do día 15 na que participarán representantes de diversas empresas do sector alimentario. Por último, o venres dedicarase ao estudo da restauración e gastronomía na Dieta Atlántica. Para iso están convidados os responsables dos establecementos Casa Solla de Poio, A Estación de Cambre, Restaurante Galileo de Santa Baia e Culler de Pau do Grove, ademais de diversas bodegas de viño e denominacións de orixe. O claustro de relatores do curso de verán confórmano profesionais e investigadores de diferentes ámbitos, dende a historia ata a xenética, a endocrinoloxía, a nutrición e a bromatoloxía, a neuroloxía, a cardioloxía, a oftalmoloxía ou a química, entre moitos outros perfís.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2011.