Ir o contido principal

A Fundación Galega contra o Narcotráfico sensibiliza sobre os riscos das drogas cunha exposición en Formación do Profesorado

un estudante mira os paneis instalados na Facultade de Formación do Profesorado
un estudante mira os paneis instalados na Facultade de Formación do Profesorado
A mostra é unha actividade parella á III Carreira Universitaria Galaico-Duriense contra a Droga, unha cita solidaria que descorrerá o día 26 pola contorna do campus de Lugo

A Fundación Galega contra o Narcotráfico vén instalar no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo unha mostra na que sensibiliza á comunidade universitaria sobre os riscos que depara para a saúde o consumo de drogas.

Esta actividade de concienciación social promovida pola Fundación Galega contra o Narcotráfico encádrase no marco das accións complementarias organizadas na capital luguesa co gallo da celebración da III Carreira Universitaria Galaico-Duriense contra a Droga, unha cita atlética de carácter solidario que descorrerá o vindeiro domingo 26 de novembro por un treito do parque periurbano do río Miño e pola contorna da sede universitaria luguesa, onde estará fixada a saída e tamén a meta.

A I Carreira Popular Campus Terra, tal e como se denomina a terceira proba do calendario universitario galaico-duriense, no que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño, é unha cita atlética de carácter internacional que está aberta á participación de deportistas federados e non federados. O itinerario da proba presenta unha distancia de 7.400 metros e constitúe un trazado de dificultade media.

A inscrición nesta proba custa 5 euros, permanecerá aberta ata as 23.59 horas do 23 de novembro de 2017 e só se pode formalizar a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo. Os dorsais entregaranse ata unha hora do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas instalación do Estadio Gregorio Pérez Rivera ou o día anterior da competición, de 16.00 a 20.00 horas, no edificio da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC.

A dimensión solidaria desta convocatoria deportiva, organizada polo Servizo de Deportes da USC en colaboración con diversas empresas e entidades e encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria queda probada polo feito de que a Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2017.