Ir o contido principal

A Fundación Segundo Gil Dávila abre unha nova convocatoria de bolsas de estudos

O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de xullo

A Fundación Segundo Gil Dávila convoca unha serie bolsas para a ampliación de estudos a non doutores cunha contía de 10.000 euros cada unha. Estas axudas diríxense a titulados en Química, Enxeñaría Química, Ciencias Económicas e Ciencias Políticas, Peritos Mercantís e diplomados de Estudos Empresariais. A convocatoria, que mantén aberto ata o 15 de xullo o prazo de solicitude, establece o requisito de ser galego ou fillo de pais galegos.
As persoas interesadas en optar a algunhas das bolsas propostas deberán carecer de recursos suficientes para realizar os estudos desexados. Xunto cun escrito de solicitude, que deberá dirixirse ao secretario da Fundación ao Apartado de Correos 292 de Santiago, os solicitantes deberán acompañar unha declaración xurada na que se faga constar que reúne as condicións esixidas e na que figuren as cualificacións académicas alcanzadas e outros méritos, un proxecto detallado do traballo a realizar –preferentemente relacionado con Galicia e con proxección socioeconómica- con indicación do centro ou organismo no que se curse, e o compromiso de indicar se solicitou algunha outra bolsa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2007.