A Fundación Pedro Barrié de la Maza informa este luns na ETSE sobre as súas bolsas de posgrao
A Fundación Pedro Barrié de la Maza celebra este luns 24, ás 16:00 horas no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, unha sesión informativa sobre a súa convocatoria de bolsas de posgrao no estranxeiro.
Esta vixésima edición do programa diríxese á ampliación de estudos e estancias de investigación (máster, doutorado e estancias posdoutorais) en EE.UU., Europa (excepto España) e Asia. Trátase dunha proposta de 32 axudas, con dotacións competitivas cos mellores programas de bolsas internacionais e entre as máis altas das convocatorias españolas.
A sesión constará dunha breve explicación sobre o programa de bolsas, coa participación de bolseiros da Fundación, algúns vinculados á USC, que explicarán aos asistentes a súa experiencia.
Entre outros, participarán Eduardo Sánchez, bolseiro da Fundación en 1997 na Universidade do Sur de California e hoxe profesor de Computación e Intelixencia Artificial da USC; Xabier Boullón, bolseiro na Universidade de Nova York, actualmente socio consultor de FBA-Consulting; Xosé Luis Pastoriza, bolseiro na London School of Economics and Political Science en 2006, hoxe técnico de Proxectos na Secretaría Técnica da Coordinadora Galega de ONGDs; Carlos Andrés González, con bolsa no Instituto de Documentación Histórica da Universidade de Porto, que actualmente investiga no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”; e Marta Rey, bolseira da Fundación en EEUU en 1993, na actualidade directora da Fundación Pedro Barrié de la Maza.