Ir o contido principal

A Fundación Pedro Barrié de la Maza informou na ETSE sobre as súas bolsas de posgrao

A Fundación Pedro Barrié de la Maza celebrou este luns na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC unha sesión informativa sobre a súa vixésima convocatoria de bolsas de posgrao no estranxeiro, dirixida a ampliar estudos e a estancias de investigación (máster, doutorado e estancias posdoutorais) en EE.UU., Europa (excepto España) e Asia. Trátase dunha proposta de 32 axudas, con dotacións competitivas cos mellores programas de bolsas internacionais e entre as máis altas das convocatorias españolas.
Participaron, entre outros, Eduardo Sánchez, bolseiro da Fundación en 1997 na Universidade do Sur de California e hoxe profesor de Computación e Intelixencia Artificial da USC; Xabier Boullón, bolseiro na Universidade de Nova York, actualmente socio consultor de FBA-Consulting; Xosé Luis Pastoriza, bolseiro na London School of Economics and Political Science en 2006, hoxe técnico de Proxectos na Secretaría Técnica da Coordinadora Galega de ONGDs; Carlos Andrés González, con bolsa no Instituto de Documentación Histórica da Universidade de Porto, que actualmente investiga no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”; e Marta Rey, bolseira da Fundación en EEUU en 1993, na actualidade directora da Fundación Pedro Barrié de la Maza.
32 bolsasA Fundación concederá un total de 10 bolsas para EE.UU., 20 para Europa e 2 para Asia nunha convocatoria aberta a calquera especialidade, incluídas as disciplinas artísticas, se ben darase prioridade aos proxectos que se consideren de maior impacto potencial para Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de marzo de 2009 e as bases completas e formularios están dispoñibles no web da Fundación Pedro Barrié de la Maza.
As axudas diríxense a fillos de galegos que residan en Galicia como mínimo dende o 1 de xaneiro de 2006 ou que realizaran os estudos universitarios nalgunha das tres universidades galegas, sempre que se dispoña de nacionalidade española. Ademais, teñen que ter nacido despois do 1 de xaneiro de 1973 e estar altamente motivados para completar un proxecto de formación de posgrao ou de investigación claro e de impacto social. Entre as condiciones académicas esixidas figuran un bo expediente académico, dominar a lingua de traballo do país de destino, ter finalizado a licenciatura ou realizar o último ano de carreira durante o curso 2008/2009.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2008.