A Fundación Rof Codina afronta o 30 aniversario cun orzamento de 2,7 millóns, o máis alto da súa historia
A Fundación Rof Codina afronta o 2024, ano en que se cumpre o trixésimo aniversario da entidade, cun orzamento de 2,7 millóns de euros, unha contía que representa un incremento do 9% respecto as cifras do ano en curso e que constitúe o presuposto máis elevado da súa historia, segundo aprobaron os integrantes do padroado da entidade na reunión celebrada este xoves en Lugo baixo a presidencia do secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.
As previsións do incremento de ingresos pola prestación de actividade asistencial ao longo da próxima anualidade e o aforro derivado da internalización do servizo de limpeza son dos dous piares fundamentais que sustentan a elaboración do novo orzamento aprobado, segundo precisou o xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, quen salientou que o presuposto da Rof Codina para 2024 medra na mesma proporción que os Orzamentos da USC, que tamén se incrementaron un 9%.
Ferreira trasladou aos membros do padroado da Rof Codina, no que teñen representación USC, Xunta de Galicia, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, datos referidos ao traballo desenvolvido ao longo do presente exercicio, período durante o que, segundo indicou, a entidade aumentou un 10% os ingresos recadados pola prestación de servizos asistenciais, que pasaron dun millón de euros en 2022 a 1,1 millón de euros en 2023.
A culminación do proceso de internalización do servizo de limpeza, que xa será efectiva a comezos de 2024 logo de que a Fundación Rof Codina asumira como propio o persoal da empresa que desenvolvía este labor, permitirá un aforro de máis de 80.000 euros, o que significa unha diminución do gasto por este concepto do 25%.
A aprobación das contas da Rof Codina para o ano 2024 constitúen un paso máis para garantir a normalización da situación de todo o persoal da Fundación Rof Codina, subliñou Ferreira, ao tempo que recoñeceu que a transformación dos extintos bolseiros en contratos de Veterinarios en formación ‘VIR’ implicaron un significativo incremento dos gastos destinados por esta vía a Capítulo 1 (persoal), cifra que cuantificou en 111.000 euros máis.
Alén de debullar as magnitudes económicas e a finalidade destas partidas, o xerente da Fundación Rof Codina, apuntou asemade a previsión da entidade de incrementar en 2024 a xa destacada actividade investigadora que se vén realizando no complexo hospitalario veterinario localizado no Campus de Lugo, ao tempo que anunciou a ampliación do cadro de docentes da Facultade de Veterinaria da USC que colaborarán coa Fundación Rof Codina e cuxo número pasará dos 8 actuais a 13.
A próxima incorporación de persoal científico de referencia á Fundación Rof Codina foi outro dos fitos comunicados polo xerente na súa intervención diante dos membros do padroado dunha entidade que, deste xeito, reforzará e ampliará as súas liñas de traballo no ámbito de I+D+i e, de ser o caso, o seu catálogo de servizos.
Reunión do padroado
O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, presidiu a reunión do padroado da entidade no marco dunha xunta que, alén da aprobación de contas para 2024, serviu asemade para dar a benvida aos novos membros incorporados, aínda que algún xustificara previamente a súa ausencia.
A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; os deputados provincias Pablo Rivera, Pilar García Porto e Daniel García; o director veterinario do hospital Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra; o decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez; a secretaría da Fundación Rof Codina, Pilar Martínez, e Manuel López Luaces, en representación do Agacal, completaron o quórum da sesión.