A Fundación Rof Codina convoca once prazas de contratos formativos para graduados/as en Veterinaria

A Fundación Rof Codina convoca once prazas de contratos formativos para graduados/as en Veterinaria, que poderán escoller entre as nove prazas ofertadas para o departamento de pequenos animais e as dúas para grandes animais, segundo se recolle na resolución da Xerencia do Rof Codina, a través da que se regulan as bases da convocatoria deste proceso de selección mediante concurso público de méritos. A convocatoria permitirá o acceso de persoas titulada a contratos en formación a semellanza de Veterinarios/as Internos Residentes (VIR) para a obtención de prácticas profesionais no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.
As pesoas interesadas en tomar parte neste proceso poden formalizar a súa solicitude a través do formulario habilitado en liña na web da Fundación Rof Codina. As solicitudes, que se presentarán de xeito telemático, deben ir acompañadas do currículo vitae e declaración responsable da persoa candidata, ademais dunha copia da certificación académica na que consten as cualificacións obtidas nos seus estudos para as prazas nas que se valore o expediente académico nos méritos.
A Fundación Rof Codina poderá requirir a exhibición dos documentos orixinais xustificativos dos méritos e requisitos esixidos. A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial, de calquera dato ou información na declaración así como a non presentación da documentación cando lle sexa requirida, determinará a exclusión do proceso de selección e/ou a non formalización do contrato de traballo, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que dea lugar.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o xerente da Fundación Rof Codina ditará resolución no prazo de 3 días hábiles seguintes ao remate do prazo de solicitudes, declarando aprobada a listaxe provisional de admitidos e excluídos, que se poderá consultar na web da Fundación, con indicación neste último caso da causa/s de exclusión. As persoas aspirantes excluídas, disporán dun prazo de dous días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución, para poder emendar os defectos ou acompañar os documentos que motivaron a súa exclusión.