A Fundación Rof Codina participa en iniciativas de inclusión social nas que se desenvolven terapias con animais
A Fundación Rof Codina colabora con diversas entidades galegas en diversas iniciativas educativas e de inclusión de social nas que se desenvolven terapias con animais, a fin de favorecer determinadas habilidades sociais ou corrixir disfuncións advertidas nas persoas usuarias que, na súa maioría, son menores. Este labor proba a importancia que a Fundación Rof Codina confire á responsabilidade social corporativa, que, xunto coa formación do alumnado, o traballo asistencial e a investigación, constitúe un dos piares básicos da actividade desta fundación pública, subliña Luis Felipe de la Cruz Palomino.
O catedrático da Fisioloxía da USC na Facultade de Veterinaria e xerente da Fundación Rof Codina, salientou a dimensión social que cumpre a entidade con sede no Campus de Lugo durante a visita realizada por unha delegación de persoas usuarias do proxecto Vincúlate, unha iniciativa pioneira de calado inclusivo e educativo posta en marcha polo Concello de Baiona en 2021 e coa que a Fundación Rof Codina seguirá a colaborar en virtude do convenio asinado entre ambas entidades.
A concelleira responsable da área de Benestar Social do Concello de Baiona, Conchi Varas, aproveitou a súa visita ás instalacións do hospital veterinario universitario Rof Codina para manifestar publicamente o traballo que realizan no marco do programa Vincúlate, que xa contabiliza máis de 70 persoas usuarias en pouco máis dun ano de existencia, as etólogas Ángela González e Susana Muñiz.
Estas dúas especialistas no comportamento dos animais son as profesionais que se ocupan, xunto cos técnicos da Protectora de Animais ‘Os Palleiros’ de Pontevedra, da selección e, no seu caso, da modificación de condutas cos cans que participan nas actividades socioeducativas programadas cos menores inscritos no proxecto Vincúlate, explicou De la Cruz Palomino.
O xerente da Fundación Rof Codina trasladou á delegación chegada de Baiona os seus parabéns pola boa acollida que está a ter o proxecto de inclusión social, unha iniciativa, remarcou a concelleira do municipio pontevedrés que “supera con creces todas as nosas expectativas, tanto no que atinxe ao cumprimento de obxectivos sociais e educativos como no relacionado co fomento de sentimentos de apego cara aos animais”. De feito, engadiu Conchi Varas, “nestes meses rexistrouse un importante incremento no número de adopcións de mascotas (cans) da Protectora”.
Asociación Dignidade
A Fundación Rof Codina mantén tamén unha intensa colaboración coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo e a Asociación Dignidade, cuxo obxectivo principal é a colaboración social en materia educativa na mocidade, en colectivos que son susceptibles de exclusión social.
O traballo que desenvolven neste caso as etólogas da Fundación Rof Codina tradúcese na celebración de clases ou actividades formativas para cachorros nas que se promove a socialización destes cans de curta idade con nenos, adultos e outros cans. Estas sesións axudan a que no futuro estes animais teñan unha menor probabilidade de padecer problemas de comportamento, o que favorecerá a súa adopción, explica González.
A etóloga da Fundación Rof Codina explica asemade que os nenos que participan neste tipo de terapias ou actividades con animais gozan do trato cos cachorros. Os nenos aprenden a comunicarse con eles e a educalos dunha forma positiva, respectuosa e amable, na que sempre se evita o uso do castigo e a violencia, engade Ángela González, que tamén apunta a existencia de estudos que proban que este tipo e terapias achegan grandes beneficios psicolóxicos e físicos para os máis pequenos.