Ir o contido principal

A Fundación Rof Codina reforza o seu compromiso social cun convenio coa Fundación Feiras e Exposicións de Lugo

Javier Ferreira e Rubén Lòpez, na sinatura do convenio
Javier Ferreira e Rubén Lòpez, na sinatura do convenio
Profesionais da Rof Codina prestarán servizos veterinarios, ademais das tarefas de control e seguimento de animais nos principais eventos que que se celebren nas instalacións do recinto lugués
Lugo

O xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, e Rubén López, xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, asinan este xoves un convenio que busca consolidar o marco de colaboración entre as institucións para os próximos catro anos, e en virtude do que a  Fundación Rof Codina se encargará do control e seguimento dos animais nos principais eventos celebrados nas instalacións do recinto lugués.

A exposición nacional e internacional canina, EQUIGAL (Salón Internacional do Cabalo de Galicia) e EXPOLUGO A Rural (mercado de exposición gandeira) son as tres principais citas nas que a Rof Codina prestará servizos veterinarios á Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, tal e como se indicou no acto de sinatura deste convenio, un novo acordo que reforza o compromiso social da Fundación Rof Codina.

O control da chegada de animais, comprobando documentación, microchips e demais requisitos sanitarios; a prestación de asistencia veterinaria aos animais durante a celebración dos eventos; así como a realización de accións informativas sobre as actividades desenvolvidas na Fundación son os principais eixes de traballo establecidos neste novo convenio, que pon en valor os servizos e as actividades prestadas ou desenvolvidas desde a Rof Codina.

A Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo disporá un espazo permanente nos seus eventos e actividades para que a Rof Codina poida dar a coñecer os seus servizos veterinarios no ámbito asistencial, así como no da investigación e formación.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2023.