A Fundación Vodafone España apoia dúas iniciativas da USC que potencian o talento entre alumnado de secundaria e bacharelato
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, asinarán este venres 16, ás 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, dous convenios de colaboración para levar a cabo programas de potenciación do talento entre alumado de secundaria e bacharelato. Por unha banda, asegúrase o apoio ao Campionato de España de Modelado 3D de Precisión con Móbil, un proxecto da Universidade de Santiago financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). Trátase de fomentar as vocacións científicas do alumnado de 4º de ESO e Bacharelato de todo o país mediante unha técnica denominada ‘fotogrametría’ que permite obter modelos 3D da realidade a partir de fotografías.
Ademais asinarase o convenio que permite continuar coa colaboración no Programa Estalmat en Galicia que ten por obxecto detectar, estimular e orientar, ao longo de dous cursos, o talento matemático excepcional duns 25 estudantes (de 12 e 13 anos) mediante unha orientación semanal con actividades especialmente programadas para eles nas mañás dos sábados.