Ir o contido principal

O futuro odontolóxico diríxese cara a métodos non invasivos

O uso de tratamentos alternativos, a debate no XII congreso da SEMO.

A Sociedade Española de Medicina Oral e a Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal son sociedades amplamente recoñecidas cun número significativo de participantes en todos os congresos realizados. A presenza de expertos internacionais, particularmente de países de América Latina, torna o XII Congreso da SEMO nunha das mellores oportunidades de formación a nivel mundial, nas áreas de Medicina e Patoloxía Oral. Esta edición, que terá lugar en Santiago de Compostela do 16 ao 18 de maio, centrarase, segundo o profesor titular de odontoloxía na UNICAMP de Brasil e presidente do comité organizador do congreso, Oslei Paes de Almeida, “en temas relativos ás enfermidades consideradas máis graves que afectan á boca, como é o caso do cancro bucal, a osteonecrose por bifosfonatos, cada vez máis frecuente, ou a patoloxía ósea asociada a implantes dentais, así como tamén as glándulas salivais e enfermidades auto inmunes”. A maior preocupación que comparten actualmente os odontólogos é o mantemento da saúde bucal, destacando a prevención de enfermidades e a rehabilitación oral, considerándose non só os factores fisiolóxicos senón tamén os estéticos. Segundo Paes a necesidade de descubrir métodos non invasivos para a prevención e a diagnose precoz do cancro de boca, así como a utilización de tratamentos alternativos, que diminúan os posibles efectos colaterais de medicamentos, serán as directrices que deberían adoptar as investigacións futuras, e que darán lugar a debate en varias das mesas científicas do congreso. “Unha mellor comprensión das enfermidades autoinmunes poderá xerar unha cura destas enfermidades en lugar dun tratamento longo e non curativo, como está a ocorrer actualmente”, afirma. A odontoloxía sufriu un gran progreso nos últimos anos, particularmente en prevención e reconstrución con implantes e próteses, de tal xeito que as novas tecnoloxías axudaron á substitución de dentes perdidos por dentes novos, así como á conversión das próteses totais removibles por próteses totais fixas, que restablecen a fisioloxía e estética da boca, o que era imposible hai uns anos. Tamén é importante a mellora do coñecemento da diagnose precoz do cancro de boca, así como as novas técnicas para o tratamento e recuperación do paciente. Recoñecemento internacional O doutor Oslei Paes resalta a calidade do grupo local de Santiago de Compostela, recoñecido internacionalmente polas súas publicacións científicas e a participación en congresos por todo o mundo, nas áreas de Medicina Oral e Cirurxía Buco-Maxilofacial, que levan a escoller por segunda vez esta cidade para a realización do congreso. Enfatiza o esforzo de toda a comisión organizadora, especialmente dos doutores José Manuel Gándara Reis e Abel García García, aos que agradece que durante moitos anos conseguiran o crecemento da Academia e da SEMO.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2013.