O futuro polideportivo de Lugo cubrirá as necesidades da comunidade universitaria e incrementará a práctica do deporte entre a cidadanía
“Lugo contará por fin cunhas instalacións deportivas universitarias propias”. Así comezou a súa intervención o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, este luns 9 durante a presentación dunha futura colaboración entre a Universidade de Santiago, a Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura e Deporte. O vicerreitor de Cultura destacou a vontade de crear unhas instalacións que cubran as necesidades universitarias “e que estean abertas a toda a cidadanía en varias dimensións”, con salas polivalentes que permitan o uso máis eficaz do espazo “para lograr a maior diversificación posible de deportes”, co fin de chegar a todos os usuarios, “especialmente aqueles sectores que non o practiquen habitualmente”.
O acordo foi anunciado polos representantes das institucións colaboradoras, o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres; a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; a directora xeral de Deporte, Marta Souto; e o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao.
As tres entidades financiarán a partes iguais a construción do polideportivo, cunha achega de 3 millóns de euros asignados para a súa primeira fase de execución, que se desenvolverá entre 2009 e 2010. O polideportivo terá unha superficie total de 5.000 metros cadrados.
Ánxela Bugallo rubricou as palabras do vicerreitor de Cultura, destacando tamén a necesidade que había en Lugo da existencia dunhas infraestruturas deportivas propias, “porque había un descenso da práctica deportiva neste campus”, polo que o apoio económico permitirá o equipamento e a potenciación de actividades deportivas, no só entre a comunidade universitaria senón tamén entre todos os usuarios da comarca de Lugo, “cun incremento potencial entre 5.000 e 7.000 novos posibles usuarios”.