Ir o contido principal

Os futuros universitarios comezan a perseguir os seus soños en XuvenCiencia

De esquerda a dereita, Lucía, Alba e Xiana, no campamento XuvenCiencia 2018
De esquerda a dereita, Lucía, Alba e Xiana, no campamento XuvenCiencia 2018
O campamento de verán remata este venres en Veterinaria cunha sesión de clausura na que se entregarán ás 18.30 horas os premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego

O interese e a curiosidade pola ciencia levou a Lucía, Alba e Xiana a participar no campamento de XuvenCiencia, una iniciativa da USC que reúne en Lugo a 150 estudantes preuniversitarios durante esta semana no Campus Terra. Todos eles teñen unha cousa en común: a súa gran paixón polo mundo da ciencia.

Lucía Villanueva, de 16 anos, é un exemplo desta ilusión. Ela, cando descubriu a existencia deste campus científico, non tardou moito en preparar a súa maleta e comezar a súa viaxe dende Oviedo. Aínda que Lucía xa ten claro que o seu soño é estudar Enxeñaría Informática, recoñece que “ participar en XuvenCiencia axúdame a decidir o que realmente quero”. Lucía nunca entrara nun laboratorio e en XuvenCiencia tivo a oportunidade de vivir esta experiencia por primeira vez, ademais de participar en obradoiros de física e de robótica.

Dende Bueu, a profesora de Alba Juncal recomendoulle participar neste campus científico para completar a súa formación e coñecer a xente coa que comparte os mesmos intereses. “O que máis me chamou a atención foi o proxecto que estamos facendo por grupos e que consiste en, a partir de colorantes naturais, elaborar unha escala de acidez para medir o ph”, conta Alba, que soña con estudar Enxeñaría Mecánica.

O pai de Xiana Arias, unha moza de 17 anos, foi quen lle falou por primeira vez desta actividade científica. A diferenza das súas compañeiras, Xiana non sabe que grao estudará no futuro, pero en XuvenCiencia está descubrindo que obradoiros lle interesan máis. “Estamos traballando nun proxecto que me gusta moito porque, a partir dunha pequena computadora, podemos montar circuítos”, relata.

Os monitores, alumnos da USC

Os participantes de XuvenCiencia seguen os pasos dos seus monitores, actualmente estudantes de diferentes graos na USC. Para Diego Brezmes, estudante de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais na Facultade de Ciencias de Lugo, este é o seu cuarto ano como monitor e, cada verán, é testemuña da aprendizaxe e curiosidade dos alumnos do campamento.

Xunto a el, Sabela Salgueiro, Abraham García e Álvaro Grandío comparten a vocación por axudar aos máis pequenos e ver como aprenden no día a día. Os monitores comentan as reaccións dos alumnos entre eles. “Os alumnos sorprendéronse ao descubrir como se fai unha aspirina”, aseguran con emoción. XuvenCiencia é unha oportunidade de descubrir a ciencia na vida cotiá, máis alá dos libros de texto e da teoría que xa adquiren nas aulas durante todo o curso.

Cerimonia de clausura

O VI Campus de Verán XuvenCiencia Lugo 2018 chegará este venres ao seu remate no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo cunha cerimonia de clausura no marco da que se procederá á entrega de diplomas a todos os alumnos e alumnas que tomaron parte nesta edición de XuvenCiencia. A sesión comezará ás 15.30 horas, coa exposición dos proxectos elaborados polo alumnado e a pertinente valoración por parte do xurado, cuxo fallo servirá para determinar os gañadores dos premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego. A entrega destes galardóns desenvolverase a partir das 18.30 horas.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; a coordinadora de XuvenCiencia, a profesora Mercedes Novo; o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, e Carlota López Pardo, en representación de Aresa, participarán, entre outros, na sesión de clausura do VI Campus de Verán XuvenCiencia 2018.

Monitores de XuvenCiencia 2018 Participantes do campamento na Facultade de Ciencias

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2018.