Ir o contido principal

O galego diminúe nos medios de comunicación pero aumenta nos gabinetes de comunicación

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia participou nunha mesa redonda no Ibercom sobre o uso do galego nos medios

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Pereiro, participou este venres nunha mesa redonda sobre o galego e os medios de comunicación enmarcada no XIII Congreso Internacional Ibercom que se desenvolve esta semana en Ciencias da Comunicación. Pereiro asegurou que a presenza do galego baixou nos medios de comunicación pero se incrementou nos gabinetes de comunicación. Na mesma mesa participaron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que realizou unha revisión histórica sobre o Día das Letras Galegas considerándoa como a auténtica festa de Galicia por “ser o día da palabra e o invento máis grande dos inventores galegos”. Pola súa banda, a ex directora do ILGA, Rosario Alvarez, fixo unha revisión crítica da Lei de Normalización Lingüística e o seu desenvolvemento normativo. Cinema e xornalismo A sesión continuou coa mesa ‘Cinema, xornalismo, televisión: a produción cultural en V.O.’ na que a profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Antía López reclamou máis axuda europeas para o cine de culturas minoritarias. Tamén participaron no debate os profesores Carlos Scolari, Patxi Azpillaga e Marcos Palacios. Clausurouse o congreso coa conferencia do profesor da Universidade Nacional de La Plata, Roque González, sobre políticas públicas e cines nacionais e unha homenaxe ao cineasta e investigador Octavio Getino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2013.