O galego gusta na USC

Aproximadamente 800 persoas deixaron a súa pegada no posadoiro de ‘Gústame o galego!’ instalado ao longo de catro días en distintos espazos dos campus de Compostela e Lugo e no que podían escoller de entre un total de 30 lemas xerais e dez máis específicos para apoiar o seu uso no espazo universitario. Fixéronse máis de 450 fotos e o facebook da campaña eses días tivo unha participación activa de case seis mil persoas (compartindo e comentando fotos ou dándolle a ‘gústame’) e un alcance de máis de 64.000 vistas. Ademais, o número de afiliacións á páxina de "Gústame o galego!" medrou en case mil nesas datas, pasando a case dez mil. As persoas promotoras da iniciativa subliñan que tan importante como os números foi o “clima especial” que se creou arredor dos photocall, que motivou reflexións, comentarios e charlas verbo da lingua galega e o seu papel na sociedade e na universidade galega.
O obxectivo desta iniciativa que promove dende a súa orixe a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego en xeral e na USC en particular. Búscase ademais provocar a reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en calquera ámbito facéndoas visibles a través de persoas concretas.