Galicia e Brasil conversan en Santiago sobre literatura

O Consello da Cultura Galega acolle ata o 19 de outubro as sesións de traballo do Encontro ‘ Conexôes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galiza-Brasil’, o primeiro que se desenvolve en Europa e que se organiza xunto con Itaú Cultural (Brasil) coa colaboración da USC, a Cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira, a Embaixada do Brasil e a Fundación Cultural Hispano-Brasileira. Coordinado pola profesora da USC Carmen Villarino e por Claudiney Ferreira e Felipe Lindoso, de Itaú Cultural, o encontro trata de establecer un diálogo entre escritores brasileiros e expertos brasilianistas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e contrastar esa situación con escritores, críticos, editores, docentes e tradutores galegos. As sesións comezaron este luns no Consello da Cultura Galega cunha mesa redonda sobre a literatura brasileira actual e as conexións dentro e fóra do Brasil que contou coas intervencións de Claudiney Ferreira, Felipe Lindoso, Marco Luchessi e Carlos Quiroga, moderados por Carmen Villarino. A inauguración presidiuna o responsable do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a quen acompañaron o vicerreitor Francisco Durán Vila e Claudiney Ferreira. O Encontro Conexôes IV prosegue este martes coa segunda mesa redonda ‘As pescudas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do “brasilianismo’, o primeiro diálogo de escritores galaico-brasileiros e unha nova mesa redonda baixo o epígrafe ‘A mediación cultural como diálogo’. De Galicia participan Anxo Quintela, Carlos Quiroga, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elías Torres, Iolanda Xúñiga, Manuel Bragado, Suso de Toro, Victor Fernández Freixanes e Xavier Queipo.