Ir o contido principal

Galicia estará representada na 66º Olimpíada Matemática Internacional

Imaxe do equipo galego que participou nas probas celebradas en Oviedo
No centro da imaxe co seu diploma acreditativo e de esquerda a dereita: Miguel Cores, Pablo Freire e Xosé Asorey
A delegación galega obtivo na fase estatal celebrada esta pasada fin de semana en Oviedo dúas medallas de ouro e unha de bronce

O equipo galego que esta fin de semana participou na fase estatal da Olimpíada Matemática colectou dúas medallas de ouro e unha de bronce, asegurando así a presenza dos dous primeiros no equipo que representará a España na 66º Olimpíada Matemática Internacional.  

Na fase estatal concorreron un total de 77 participantes das diferentes comunidades e cidades autónomas de España, debendo enfrontarse a dúas sesións de catro horas e media para resolver tres problemas en cada unha delas. Tras a celebración da competición, promovida anualmente pola Real Sociedad Matemática Española, Pablo Freire e Miguel Cores conseguiron a medalla de ouro, e Xosé Asorey coa de bronce. Deste xeito, os dous primeiros incórporanse ao equipo que representará a España na fase internacional que se vai disputar en Australia.

Á competición celebrada esta pasada fin de semana na Universidade de Oviedo, a delegación galega acudiu cun equipo formado polos gañadores da Olimpíada Matemática Galega OMG2025, celebrada o pasado mes de xaneiro: Pablo Freire Fernández, alumno de 4º da ESO do IES As Lagoas de Ourense; Miguel Cores Mejuto, de 2º BAC do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña; e Xosé Asorey Rendo, de 2º de BAC do IES de Ames de Bertamiráns.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2025.