Galicia e o Norte de Portugal compartían a finais do Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais
Cova Eirós, a única localización en Galicia que alberga manifestacións gráficas paleolíticas, e o núcleo artístico do val do Côa no Norte de Portugal —o conxunto rupestre ao aire libre máis extenso de Europa, conservando tamén unha destacada colección de arte moble— comparten convencións gráficas e un corpus artístico datado a finais do Paleolítico, hai máis de 9.000 anos, segundo revelan dúas novas publicacións científicas.
O artigo 'El fin del estilo paleolítico: un caso de estudio en el Noroeste peninsular' —publicado na revista Munibe— e mais o capítulo 'The Palaeolithic Rock Art of Northern Portugal and Galicia' —dentro dunha obra colectiva publicada na editorial Routledge— fan unha posta ao día sobre as representacións de finais do Paleolítico en Cova Eirós e o val do Côa, amosando a existencia de convencións e recursos gráficos compartidos nesta rexión.
A pesar da diferenza entre contextos, ambos os dous sitios posúen representacións que se remontan a momentos finais do Paleolítico, hai entre 9.000 e 12.000 anos, segundo as súas características estilísticas e os resultados obtidos das datacións radiocarbónicas —a partir de pinturas ou en contextos arqueolóxicos asociados ao fenómeno gráfico—. Este episodio gráfico tardío maniféstase tamén a través de diversas figuras —zoomorfas e antropomorfas— en varios lugares da Meseta e no leste da Península Ibérica.
Esas novas publicacións revelan a existencia de paralelismos estilísticos que permiten apuntar a existencia de convencións gráficas e un corpus artístico compartido na rexión en momentos finais do Paleolítico, ben sexa ao aire libre, en cova ou sobre plaquetas. Constátase a existencia dunha base estilística asentada, con continuidades e cambios específicos, que permite establecer analoxías entre Cova Eirós e val do Côa, explorando a existencia de nexos culturais entre os diferentes grupos que habitaron este territorio.
Simultaneamente, estes estudos permiten resaltar o valor das manifestacións de Cova Eirós ao integralas no seo do fenómeno gráfico peninsular, relacionándoas con outros sitios artísticos de relevancia. Aínda que tradicionalmente o Noroeste peninsular se consideraba un territorio á marxe do fenómeno gráfico paleolítico, os achados realizados dende a década de 1980 demostran a presencia de grafismos adscritos ás diversas fases do Paleolítico Superior.
O estudo destas evidencias, tanto de Galicia como do Norte de Portugal resulta esencial para coñecer a esfera artística e simbólica das sociedades cazadoras-recolleitoras que transitaron e decoraron os espazos deste amplo territorio e as relacións entre ambos durante os momentos finais do Paleolítico.
A arte parietal de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) e as evidencias gráficas —parietais e mobles— do val do Côa (Vila Nova de Foz Côa, Portugal) configuran o caso de estudo da publicación liderada por Tania Mosquera Castro do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT e CISPAC) da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cos investigadores Ramón Fábregas Valcarce, do mesmo grupo da USC (GEPN-AAT e CISPAC), André Santos (Universidade de Coímbra e UNIARQ), Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (IPHES-CERCA e URV) e Arturo de Lombera Hermida (Universidad de Oviedo e CISPAC).
O artigo publicado na revista 'Munibe Antropologia-Arkeologia' focalízase no estudo comparado dun conxunto de representacións animais gravadas e pintadas pertencentes a momentos terminais do Paleolítico —tamén denominado Estilo V—. Un segundo traballo, liderado por Sofia Figueiredo e coa participación de Ramón Fábregas Valcarce, Arturo de Lombera Hermida e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez, está integrado no volume 'The Prehistoric Rock Art of Portugal. Symbolising Animals and Things' e aborda os achados nas últimas décadas de arte paleolítica no Noroeste peninsular, entre os que destacan xacementos como Cova Eirós ou Foz do Medal —xa no norte portugués—.
Estas investigacións enmárcanse nun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.