Ir o contido principal

Galicia, un paradoxo agroecolóxico

Investigadores da EPS de Enxeñaría, nunha explotación agroecolóxica cántabra
Investigadores da EPS de Enxeñaría, nunha explotación agroecolóxica cántabra
Investigadores do Campus Terra da USC ligados ao grupo Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) e ao Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac) analizan a situación da produción ecolóxica en Galicia ao abeiro do proxecto Agroecoland, no que tamén participan dúas universidades de Barcelona e a Pablo Olavide, de Sevilla
Lugo

Galicia antóllase como un verdadeiro paradoxo agroecolóxico por mor dos múltiples desfases advertidos entre algúns dos diferentes parámetros ligados coa produción agroalimentaria, tal e como poden ser os referidos á superficie certificada, censo de animais e explotacións e, sobre todo, volume de negocio derivado da transacción ou comercialización deste tipo de artigos, un abano de produtos que, no caso dos cárnicos de vacún, deparan unhas cifras moi inferiores ás previstas ou proxectadas en calquera proxección económica.

A análise das causas ou mesmo das eivas que propician esta brecha entre potencialidades produtivas e dimensión real da producción ecolóxica en Galicia é unha das liñas de traballo que ocupa desde o pasado ano aos investigadores do Campus Terra da USC Mª do Mar Pérez Fra, Ana Isabel García Arias, Bernardo Valdês Paços e Ibán Vázquez González, do grupo Economía Agroalimentaira e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc), e a David Soto, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, implicados no proxecto ‘Paisaxes agroecolóxicas e sistemas alimentarios: pasado, presente e transicións futuras’ (Agroecoland), unha iniciativa liderada pola Universidade de Barcelona financiada, no caso da USC, con máis de 50.000 euros polo Ministerio de Ciencia e Innovación e no que tamén participan as universidade  Autónoma de Barcelona e a Pablo Olavide de Sevilla.

As potencialidades de Galicia para as producións agroecolóxicas son inmensas, sostén Pérez Fra, quen recoñece que os datos económicos non refrendan esta realidade, a pesar de que a agrecoloxía constitúe unha “oportunidade” para xerar riqueza no país e de que as prácticas deste modelo produtivo están aliñadas cos postulados recollidos no Pacto Verde Europeo, tal e como se coñece a estratexia ou paquete de medidas políticas impulsadas desde a UE para avanzar cara a transición ecolóxica e a neutralidade enerxética. Os obxectivos do Pacto Verde para 2030 contemplan, entre outros retos, que a cuarta parte da superficie cultivada respecte ou se rexa polo modelo de produción en ecolóxico, ademais dunha redución do 50% de fitosanitarios e antimicrobianos. A diminución nun 20% do emprego de fertilizantes e o incremento nun 10% de elementos paisaxísticos de calidade son outras das recomendacións pautadas no Pacto Verde.

Neste contexto, salienta Pérez Fra, a agraoecoloxía preséntase como unha alternativa viable e rendible, variables que aínda acadan máis valor nunha rexión que lidera a produción nacional de leite e que tamén se sitúa entre os principais produtores de carne de vacún de todo o Estado. Aínda así, a porcentaxe de transaccións de produtos ecolóxicos e o volume dos resultados económicos son moi pobres, sinala esta investigadora para, de seguido, precisar que “Galicia produce o 14% da carne de bovino de España, pero só comercializa como ecolóxica o 1,1%, o que implica unha perda”.

As causas deste desfase, que mingua os beneficios do sector, son diversas e contrastan coa progresiva, aínda que non sempre eficiente, transición de modelos produtivos convencionais cara a sistemas en ecolóxico, di Pérez Fra, que apunta a falta de asesoramento técnico a produtores entre os factores que impiden optimizar a rendibilidade das súas producións.

A insuficiencia dos apoios públicos destinados a esta produción, que se centran fundamentalmente, ademais, na concesión de axudas por superfície, contribúen a explicar que Galicia estea á cola na producción ecolóxica a nivel español.  Na opinión do persoal investigador da USC implicado no proxecto Agroecoland, o sector precisa de máis apoios para o produtor pero tambén de actuacións vinculadas coa estruturación da oferta ou a transformación industrial.

Este grupo de investigadores sinalan que fronte a esta realidade e en aras a revertir a situación, fanse necesarias políticas que contribúan ao control e á dinamización do comercio de produtos en ecolóxico, destacando a importancia das compras públicas para introducir este tipo de produtos sostible e saudables en colectividades e comedores comunitarios, a fin de xeneralizar o consumo e estimular a demanda deste tipo de produtos de calidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2023.