Ir o contido principal

García-Bodaño recibe a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago relembrando os seus anos estudantís

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro a García-Bodaño (Foto: Alfonso SERVIMAV)
O reitor impúxolle a Insignia de Ouro a García-Bodaño (Foto: Alfonso SERVIMAV)

“Un retorno a vellos días da memoria, unha sensación emotiva que se entrelaza con recordos da miña mocidade estudantil”. Así dicía sentirse o escritor e académico Salvador García-Bodaño (Teis-Vigo, 1935) este martes en San Xerome ao recoller a Insignia de Ouro da Universidade que lle impoñía o reitor Juan Casares diante dun auditorio ateigado de amizades do escritor. Foi a sección de Cultura, Arte e Educación do Ateneo de Santiago quen propuxo á USC a concesión desta distinción ao seu presidente, que mantén estreitos lazos coa institución docente. Foi precisamente na Universidade onde García-Bodaño traspasou as fronteiras “da mera intimidade creadora cara á externacionalización dos resultados do exercicio da arte literaria” á vez que entraba en contacto con outros integrantes da Xeración das Festas Minervais entre os que nomeou a Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Franco Grande, Antón Concheiro, Pérez Barreiro, Alexandre Cribeiro e López-Casanova. Foi tamén na Universidade, explicou o escritor, onde tiveron lugar as experiencias “ primordiais” de difusión da súa obra. E citou tres: as Festas Minervais celebradas en fronte da Reitoría, no Hostal, especialmente a do 59 na que resultou premiado; a homenaxe no Paraninfo en memoria de Ramón Cabanillas no que leu parte dos seus primeiros poemas; e a participación na inauguración en 1963 do primeiro Día das Letras Galegas no Salón Artesoado de Fonseca. Estes actos foron tamén lembrados polo reitor, para quen cada actividade na que participou o homenaxeado viña cargada “de intervencións cun inequívoco compromiso social e político co país”. Citou tamén Casares as tertulias literarias no desaparecido Café Español, a fundación do Grupo O Galo que logo sería a asociación cultural pioneira en espallar a memoria histórica e mais a lingua e a cultura galegas, a súa participación no Consello da Mocidade e en 1963 como núcleo promotor do Partido Socialista Galego (PSG), a experiencia da edición da revista Teima (1976-77) ou a fundación da editorial Escola Aberta. Pero ante todo o reitor quixo destacar a faceta como escritor de Salvador García-Bodaño, “unha das figuras máis sobranceiras da literatura galega actual” que ingresou como académico de número da Real Academia Galega en 1992. Da súa inxente actividade neste terreo salientou primeiramente a vertente xornalística, que comezou en La Noche, ademais de cultivar a crítica de arte, a literaria e estudos de índole diversa. “ Mais -explicou Casares- é na expresión poética onde Salvador García-Bodaño acada os máis altos cumios da súa orientación e cobiza estéticas”. Salvador García-Bodaño, que en 1983 ingresa como membro numerario do novo Seminario de Estudios Galegos, participou na creación de relevantes empresas culturais como o Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Galicia, a Asociación de Tradutores en Lingua Galega, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, o Instituto Galego da Información, a Fundación Castelao, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil ou a Fundación Padroado do Pedrón de Ouro.

Para o reitor esta prolífica vida “non é máis que a mostra da entrega e colaboración á difusión da cultura galega no seo da sociedade, á creación literaria e á investigación de novas liñas estéticas” que mereceu recoñecementos como o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural en 1988, o Premio de la Crítica española (para obras en lingua galega) en 1993 ou, entre outros moitos, o Premio das Letras 2012 que lle concedeu a máxima institución de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2012.