García Herradón destaca “o dinamismo e a capacidade de adaptación” de Humanidades na festa do patrón
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, salientou o “gran dinamismo e non menor capacidade de adaptación da Facultade de Humanidades” no acto académico conmemorativo da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón deste centro universitario. García Herradón remarcou na apertura do acto, que congregou a docentes e alumnos do campus lugués, as numerosas actividades promovidos e organizados pola Facultade de Humanidades, que, na súa opinión, “atopa no seu emprazamento, un pouco lonxe da cidade, unha dificultade engadida para conseguir que a xente da rúa acuda e participe da súa variada oferta de actos, ciclos e programas de temática variada”.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo animou neste senso a toda a cidadanía a percorrer o “agradable paseo que hai entre o casco urbano e a Facultade de Humanidades para así coñecer mellor e gozar do traballo dun centro universitario que vén de artellar un novo título de grao e un máster moi atractivo, ao tempo que xa comezou a traballar no cambio do sistema de ensinanza, a fin de adaptala a un sistema semipresencial que favoreza a captación de máis alumnado”. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, agradeceu asemade a implicación do colectivo docente e tamén do alumnado por traballar a prol dunha facultade que “ten iniciativa e quere facer visible o seu traballo”. González Rey destacou tamén a cada vez maior rede de colaboradores que está a establecer a Facultade de Humanidades, un mérito do que fixo partícipe a todos os membros deste centro da USC. O responsable do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, tamén participou na apertura do acto académico conmemorativo da festividade de San Isidoro de Sevilla. Na súa intervención e logo de agradecer que se convidara ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) a este acto institucional, Xusto Rodríguez, ofreceu toda a colaboración posible por parte do SNL, un servizo universitario que “está a desenvolver unha acción importante e de éxito que, en ocasións, incluso supera as expectativas previstas”, segundo comentou García Herradón. Un relatorio da profesora do Departamento de Lingüística Xeral da Universidade de Barcelona e directora do grupo de estudos de linguas ameazadas, Carme Junyent Figueras, que se desenvolveu baixo o título ‘Diversidade lingüística e creatividade’, serviu de comezo do acto académico propiamente dito e no marco do que a escritora e tamén profesora do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Carmen Blanco, pronunciou un segundo relatorio baixo o título ‘Rosalía de Castro, creadora galega e universal’.
A figura e a lembranza da escritora galega máis universal tivo un protagonismo destacado no acto académico conmemorativo da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón da Facultade de Humanidades. De feito, esta sesión concluíu cun recital de Rosalía de Castro co gallo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, no que interviñeron alumnos e outro persoal do centro universitario.
Asistentes ao acto académico da festividade de San Isidoro de Sevilla na Facultade de Humanidades