García Herradón inaugura na Escola Politécnica as xornadas de investigación en zonas non saturadas do solo ZNS’13

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurou este mércores na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo as xornadas de investigación en zonas non saturadas do solo ZNS’13, un foro científico que reúnen desde hoxe ata o venres, día 8 de novembro, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo máis de 30 investigadores procedentes de distintas universidades españolas, así como doutros científicos europeos e tamén de investigadores españois que están a traballar en centros de Estados Unidos, Arxentina, Bélxica, Alemaña, Italia... Os participantes nestas xornadas aproveitarán a súa estadía no campus lugués para presentar e debater os resultados dos últimos estudos relacionados coas zonas non saturadas do solo, que son aquelas non están permanentemente asolagadas.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, salientou neste acto, no que tamén participaron o director da Politécnica, Javier Bueno Lema, o profesor da USC Jorge Dafonte, en calidade de organizador, e o presidente do comité científico do congreso, Juan Vicente Giráldez, a cada vez maior dificultade qué supón a celebración deste tipo de reunións científicas por mor da escaseza de recursos financeiros. García Herradón fixo tamén unha fonda defensa das universidades públicas, ao tempo que reivindicou a súa importancia e incluso a utilidade que reportan este tipo de institucións para a sociedade na que se atopan. Asemade, García Herradón, aproveitou a apertura deste foro, que se celebra por vez primeira en Lugo despois de dez edicións anteriores, para replicar aquelas voces que “tratan de desprestixiar a universidade pública”. O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, ofreceu aos congresistas a máxima colaboración por parte do centro universitario que dirixe, ao tempo que destacou a importancia do solo, un elemento tantas veces desprezado, pero ao que se referiu como “ un recurso estratéxico para poder satisfacer no futuro as necesidades alimentarias da poboación mundial”. O investigador alemán e profesor na TU Braunschweig. W. Durner, considerado como un dos grandes estudosos das zonas non saturadas do solo, abriu a quenda de relatorios destas xornadas cunha exposición sobre os métodos de evaporación do solo. Ao remate da súa intervención comezou a primeira sesión de presentación de comunicacións orais.
A presentación de comunicacións, así como a exposición e explicación de carteis centrará a actividade dos congresistas durante a quenda de tarde e terá continuidade na xornada do xoves. A undécima edición das xornadas de investigación sobre zonas non saturadas do solo ZNS’13, chegarán ao seu fin o venres, cunha visita á mina das Pontes. Os participantes nesta expedición poderán coñecer de primeira man a rehabilitación das foxas mineiras de Endesa e a súa conversión no lago artificial das Pontes.
Participantes nas xornadas de investigación de zonas de solo non saturadas que se celebran na Politécnica