García Herradón inaugura este mércores en Ponferrada a mostra ‘Carlos Valcárcel Fotografías 1962-2002’
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurará este mércores, día 20 de novembro, ás 12.00 horas, no edificio central da Universidade de León no campus universitario de Ponferrada, a exposición ‘Carlos Valcárcel Fotografías 1962-2002’ .
A mostra, que inclúe unha escolma de 76 instantáneas doadas no ano 2003 polo seu autor, o veterano fotógrafo lugués Carlos Valcárcel, á Universidade de Santiago de Compostela, chega ao campus de Ponferrada logo de ter xirado por distintos espazos do campus universitario de Lugo, onde permanecía exposta de xeito permanente desde o mes de xaneiro na Facultade de Formación do Profesorado. A delegada do reitor da Universidade de León no campus de Ponferrada, Ana Vega, e o director da Área de Actividades Culturais deste campus da Universidade de León, Pepe Tabernero, acompañará ao vicerreitor do campus lugués na apertura desta exposición fotográfica, no transcurso dun acto ao que tamén asistirá o integrante do Grupo Fonmiñá Eduardo Ochoa. A mostra ‘Carlos Valárcel Fotografías 1962-2002’ chega ao campus de Ponferrada logo do interese mostrado pola Universidade de León por poder contar e exhibir esta colección, que logo de permanecer un mes en Ponferrada visitará o campus de León, onde permanecerá aberta ao público no edificio Albéitar desde comezos do mes de xaneiro de 2014, antes de regresar á Facultade de Formación de Profesorado de Lugo. Cronoloxía da mostra A colección ‘Carlos Valcárcel Fotografías (1962-2002) permite ao espectador facer un percorrido no espazo e no tempo por distintos lugares de Galicia e León a través de imaxes de fonda pegada etnográfica e cun alto valor documental que posibilitan trasladarse e coñecer outras épocas e a outros lugares sen necesidade de moverse do sitio. As contornas menos urbanas do Lugo da pasada década dos anos sesenta, xunto con imaxes pouco menos que senlleiras de bateas no río Miño, ao seu paso por Outeiro de Rei, oficios como o de toneleiro, afiador..., espazos e celebracións ben coñecidas como a Feira de Monterroso, o San Froilán, as paisaxes dos Ancares, O Courel e mesmo a recta de Vilalba son algúns dos documentos gráficos que achega esta mostra de Valcárcel, que tamén inclúe varios retratos e imaxes de persoas.