García Herradón suma a crise das universidades á de Occidente na apertura do IX Curso de Primavera da USC en Humanidades
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, sostén que crítica situación pola que atravesan na actualidade as universidades, que están a experimentar unha progresiva perda de autonomía e cada vez contan con menos recursos económicos para desenvolver o seu labor de busca de coñecemento, podería encadrarse no marco global da crise de Occidente, a temática central sobre a que xiran os distintos relatorios programados ao abeiro do IX Curso de Primavera da USC ‘A crise de Occidente, unha visión mutidisciplinar’. García Herradón realizou estas declaracións no acto de inauguración deste foro, que comezou hoxe na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, o mesmo escenario no que terá continuidade o vindeiro venres e o 20 de maio, para logo rematar o 17 de xuño cun relatorio de clausura, a cargo do ex dirixente da Unesco Federico Mayor Zaragoza. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo salientou na súa intervención que “a autonomía universitaria pode recuperarse no futuro a través dos pertinentes cambios legais e normativos, os mesmos que tamén poderían reverter nunha maior achega de recursos públicos”. Sen embargo, lamentou, “o máis grave é a perda de capital humano que estamos a ter polos recortes das partidas destinadas a I+D+i. A perda destas persoas moi ben formadas e que están a traballar en diferentes proxectos de investigación é preocupante e tamén moi difícil de recuperar no futuro”, dixo. As reflexións sobre a situación actual da Universidade española, que, segundo o reitor de Oviedo, van camiño de converterse en academias, recordou García Herradón, “é un dos poucos temas que non se aborda neste IX Curso de Primavera da USC, que presenta un programa moi completo e non menos atractivo e interesante”, salientou o vicerreitor, ao tempo que trasladou os seus agradecementos e parabéns aos coordinadores desta edición, Xaquín Rodríguez Campos, catedrático de Antropoloxía Social da USC, Beatriz Fernández Herrero, profesora de Filosofía Moral da USC, e Elena Freire Paz, profesora de Antropoloxía Social na Facultade de Humanidades de Lugo. A decana da Facultade de Humanidades da USC, María Isabel González Rey, agradeceu tamén o esforzo realizado polos coordinadores desta nova edición dos Cursos de Primavera da USC, “un programa que reforza a vida e o dinamismo deste centro universitario”, dixo, para logo, despois de resaltar “a actualidade da temática” deste curso, lanzar unha mensaxe de optimismo ao recordar que “ a historia está construída a base de crises e todas as crises son pasaxeiras”. O deputado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, salientou na apertura deste foro que “os Cursos de Primavera da USC son a acción estrela de todas cantas se desenvolven ao abeiro do convenio Lugo Cultural e contribúen a mellorar a formación e o coñecemento da sociedade de Lugo, a través dos relatorios dalgunhas de destacados especialistas que son autoridades en distintas materias”, dixo. A apertura deste foro no que distintos relatores abordan dun xeito multidisciplinar a crise de Occidente serviu tamén para que o catedrático Alexandre Veiga, en calidade de coordinador da pasada edición do Curso de Primavera da USC, presentara as correspondentes actas, un volume titulado ‘Oh lux Iberia. En torno a las letras da la España Medieval’ que recolle once traballos doutros tantos profesores de investigadores da USC e doutras universidades e centros de investigación nacionais. Quenda de relatorios O xornalista, catedrático e director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, abriu este mércores a quenda de relatorios do IX Curso de Primavera da USC cunha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘A xeopolítica das crises. Europa e o mundo en 2013’. Ramonet, que fixo unha ampla análise da realidade actual, advertiu no se relatorio dos “graves e serios riscos que pode deparar para o futuro da democracia o crecente sentimento de desacougo social e de desconfianza que están a propiciar os efectos da crise económica”. O curso ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’, continuou xa en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, cun relatorio a cargo do profesor de Filosofía Moral da USC Luis García Soto, quen disertará sobre crises e democracias. María Xesús Nogueira, que falará sobre a crise de Occidente na poesía galega actual, e Carme Silva, que abordará o proceso migratorio no bienio 2010-2012 completan as intervencións programadas na primeira xornada do curso, que rematará, a partir das 20.00 horas, cunha actividade audiovisual guiada por Martázul Busto.
A segunda xornada deste seminario monográfico sobre a conxuntura de crise que afecta a Occidente trasladouse ao venres 10 de maio por mor da convocatoria de folga no ensino prevista para o xoves. Daquela, o programa deste IX Curso de Primavera da USC, que experimentou algún tipo de modificacións, retomarase o venres, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Humanidades, cun relatorio do profesor de Filoloxía Inglesa da USC Jesús Varela Zapata baixo o título ‘O mapa mente. Europa está á marxe’.